O PP denuncia que Sarria cumpre cinco anos sen contrato de recollida de lixo e limpeza viaria

O Grupo Municipal Popular de Sarria denunciou que este mes de agosto se cumpriron cinco anos desde o vencemento do contrato de recollida de lixo e limpeza viaria, “sen que o goberno municipal fose quen de sacar adiante un novo prego de condicións”.
Segundo os populares, esta situación prolongada supón unha problemática diaria para os veciños e veciñas: “Consideramos que é prioritario poñer fin a esta situación. Levamos anos pedindo que se actúe para avanzar nunha situación denunciada a diario polos veciños. Trátase dunha demanda xeneralizada”.
Dende o PP subliñan que a limpeza e a salubridade do municipio son fundamentais para a calidade de vida e a imaxe da vila: “Queremos camiñar e desfrutar dun pobo limpo, saudable e coidado, á altura da súa condición de vila de referencia. A limpeza e a salubridade é unha necesidade que, dende logo, non está sendo atendida. Non é de recibo levar cinco anos sen contrato”.
Os populares lembran que este servizo esencial afecta de forma directa á calidade de vida dos veciños e á imaxe que Sarria proxecta ao exterior, especialmente como vila de paso do Camiño de Santiago. “Non é lóxico nin defendible que un servizo básico se manteña en precario durante tanto tempo, de forma que queda totalmente limitada a posibilidade de mellorar prestacións mentres se incrementan os prexuízos para os sarriáns”, sinalan.
A situación reflicteuse no día a día: faltan contedores, moitos dos existentes están rotos ou cos mecanismos estragados, non hai recursos suficientes para atender á limpeza das rúas e os cheiros fanse cada vez máis evidentes, especialmente en determinados puntos da vila. Ademais, os populares lembran que esta situación tamén está afectando aos empregados do servizo, que dispoñen de menos medios materiais e humanos para atender unha necesidade cada vez máis evidente.
O Grupo Municipal Popular insiste en que leva tempo pedindo unha solución, chegando a presentar varias propostas no Pleno municipal urxindo unha actuación inmediata para resolver este problema estrutural. “Cinco anos son máis que tempo suficiente para redactar uns pregos, licitar e adxudicar un contrato que debe incorporar melloras imprescindibles como a modernización da maquinaria, o reforzo da limpeza viaria ou un sistema máis eficiente de recollida selectiva”, conclúen.
O PP insta ao Concello a priorizar de inmediato a tramitación do novo contrato, que garanta un servizo axeitado, eficiente e sustentable, e que permita que Sarria volva ser un municipio limpo, coidado e orgulloso da súa imaxe.