O PP denuncia que Camiña Sarria impoña uns orzamentos rexeitados pola oposición e con irregularidades

SarriaXa
“O alcalde de Sarria empéñase en facer historia; pero historia para mal ao ser o primeiro en recorrer a unha cuestión de confianza -que nin sequera superou- para aprobar os orzamentos municipais para o 2024”, subliña a portavoz do PP, Carmen José López.
11 Maio 2024

“O alcalde de Sarria empéñase en facer historia; pero historia para mal ao ser o primeiro en recorrer a unha cuestión de confianza -que nin sequera superou- para aprobar os orzamentos municipais para o 2024”, subliña a portavoz do PP, Carmen José López.  A popular considera que “Garrido pon o seu ego por enriba dos valores democráticos e do respecto aos seus propios veciños”.

“Se quedan aprobadas estas contas será polo capricho do alcalde que demostra, unha vez máis, que o futuro de Sarria non lle importa, unicamente está a tentar aguantar o maior tempo posible e manter custe o que lles custe aos sarriáns un goberno que non ten proxecto para o noso municipio”, engade López. “Este proceder do alcalde evidencia que o seu é un goberno esgotado antes de cumprirse un ano desde a súa elección”.

A portavoz dos populares incide tamén en que “se non tiña vontade ningunha de dialogar -como o demostra o feito de que incluso puxo condicións a este grupo político para empezar a negociar-, xa puido ter presentado un proxecto de orzamentos para telos aprobados en prazo para que entraran en vigor o 1 de xaneiro deste ano”. Carmen José López cre que “é unha irresponsabilidade dende tódolos puntos de vista”.

A popular explica que “o orzamento conta co rexeitamento de toda a oposición ao que se suman as advertencias do servizo de Intervención sobre as súas irregularidades”. Isto evidencia, por unha parte, que “non foi capaz de lograr o apoio que non sexa o dos seus concelleiros” e, por outra, que “o alcalde e o goberno de Camiña Sarria non teñen respecto pola legalidade”.

Os informes emitidos polos servizos de Intervención do Concello advertían sobre as deficiencias e riscos financeiros dos orzamentos propostos polo goberno municipal que parten de datos falsos coa clara finalidade de enmascarar a realidade financeira do municipio. E, aínda así, “o goberno de Camiña Sarria decidiu forzar a súa aprobación sen corrixir ningunha das irregularidades sinaladas”.

“É evidente que estes non son os nosos orzamentos”. Para Carmen José López “trátase dunha acción temeraria que claramente pon en risco a estabilidade financeira e a xestión responsable dos recursos públicos do Concello. A aprobación duns orzamentos cuestionados polos propios servizos de Intervención compromete a credibilidade e a confianza na xestión do goberno municipal, ademais de deixar desprotexidos os intereses da cidadanía valéndose da heteroxeneidade nas sensibilidades e posturas políticas da oposición e impoñendo o criterio dun goberno en minoría”.

O papel da oposición

Unha moción de censura ten que ir firmada pola maioría absoluta dos concelleiros e, “a pesar de que pola nosa parte se contactou con todos os grupos algún deles rexeitou calquera posibilidade dende o inicio”, apuntou López.

A portavoz popular explica que “dende o noso grupo seguimos traballando e poñeremos todo o empeño por seguir controlando e fiscalizaremos a actividade do goberno para intentar amortiguar ou evitar, no marco das posibilidades que temos, o prexuízo que esta situación pode acarrear para o noso municipio”.

0.17192792892456