O PP e Camiña Sarria selan un acordo estratéxico con 15 investimentos prioritarios para o municipio ata 2027

O Partido Popular de Sarria e Camiña Sarria presentaron o Acordo para o Desenvolvemento Estratéxico de Sarria (ADES), un documento que fixa o marco de diálogo e cooperación entre ambas as dúas forzas políticas ata maio de 2027. O pacto contempla unha quincena de investimentos e actuacións que, segundo destacaron os asinantes, buscan situar o concello “no lugar que merece no contexto da provincia de Lugo e de Galicia”.
O acto de sinatura celebrouse no Hotel Alfonso IX de Sarria e contou coa participación do alcalde e presidente de Camiña Sarria, Claudio Garrido, e do secretario da formación, José Soto “Kaké”. Polo Partido Popular estiveron presentes a voceira en Sarria e presidenta da Xunta Xestora, Carmen José López, e o secretario provincial, Javier Nodal, acompañados pola secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, a presidenta provincial, Elena Candia, e varios concelleiros dos dous partidos.
O documento fixa como principios a estabilidade institucional, a lealdade entre administracións, unha planificación realista e a transparencia. As actuacións prioritarias recollidas no ADES inclúen a mellora do Estadio Municipal da Ribela, a reforma do CEIP Frei Luis de Granada, a urbanización e cesión das travesías urbanas da estrada LU-546 (rúas Matías López e Benigno Quiroga), o apoio a un modelo sostible para a residencia de maiores Nosa Señora do Carme, un proxecto integral de sinalización viaria, a humanización da Praza da Vila, a rehabilitación e musealización da Casa do Marqués, investimentos de Augas de Galicia cun depósito e nova captación de auga, a desafectación das vivendas anexas ao CEIP Frei Luis de Granada para crear un parque ou praza, o acondicionamento da Casa da Cultura e da Escola de Música, a posta en valor do barrio da Estación e do río Celeiro, a revalorización da contorna da Ponte Ribeira con alternativas de tráfico, a solicitude dun segundo Xulgado de Primeira Instancia, a busca de solucións para o antigo centro de saúde e o muíño do Toleiro e unha estratexia conxunta para o desenvolvemento de solo industrial na segunda fase do Polígono do Morelle.
Na súa intervención, Claudio Garrido salientou que o documento asinado hoxe “demostra que a política pode ser algo máis que polarización e confrontación; tamén pode ser un mecanismo útil e beneficioso para a cidadanía cando se prioriza o diálogo e o entendemento e se buscan solucións aos problemas e demandas da xente”. Ademais, avanzou que co desenvolvemento dos 15 compromisos “Camiña Sarria dá por alcanzados os seus obxectivos fundacionais e dará por completado e finalizado o seu ciclo político ao remate do mandato”.
Carmen José López, pola súa parte, dixo que “quen gaña, por enriba de todo, é a veciñanza de Sarria” Pola súa parte, Carmen José López indicou que o impulso destas 15 actuacións “é unha gran oportunidade para Sarria que abre un novo horizonte ao Partido Popular. Neste escenario, no PP de Sarria sentímonos cómodos porque, aínda estando na oposición, contribuímos a desbloquear proxectos pendentes para o noso concello, contribuímos a conseguir investimentos moi importantes da Xunta de Galicia e demostramos que somos unha forza con vontade de goberno e con capacidade para desenvolver unha política útil coa que quen gaña, por enriba de todo, é a veciñanza de Sarria”.
REACCIÓN DO BNG DE SARRIA
O BNG de Sarria considera que non vale todo en política. Despois de anos de críticas e de descalificacións cruzadas entre Claudio Garrido e o Partido Popular, ambas partes anuncian agora un acordo que agocha moito máis do que conta.
Segundo a formación nacionalista, a utilización que fai o PP das institucións, como é o caso da Xunta de Galicia, para obter prevendas políticas resulta obscena, xa que implicitamente recoñecen que a Xunta non estaba a realizar investimentos en Sarria por intereses partidistas, e que agora, tras pactar o relevo de Garrido, si van investir.
O BNG advirte de que se está a tratar de enganar a veciñanza cun acordo vago, no que se inclúen investimentos xa anunciados e outros proxectos sobre os que nin sequera teñen competencias, como o polígono industrial, que depende do Estado, todo isto sen concretar calendarios para as actuacións.
O portavoz nacionalista en Sarria, Efrén Castro, sinalou que “desde o BNG entendemos a política dunha maneira moi diferente, traballamos desde o noso grupo e desde as administracións nas que gobernamos para construír unha Sarria mellor, e non vinculamos os investimentos no noso concello a cambio de prebendas”. Engadiu que “é triste que por un acordo como este o céspede da Ribela siga sen ser cambiado”.
Castro tamén subliñou que “o Partido Popular e Garrido cren que se pode traspasar unha alcaldía cun simple acordo, pero por sorte serán os veciños e as veciñas de Sarria quen decidan quen estará á fronte do Concello”. Rematou afirmando que “non sempre é doado pechar unha etapa política e Garrido faino da peor maneira posible, vendendo os seus ideais; pola contra, desde o BNG seguirase traballando para construír unha Sarria mellor”.