O PP esixe á Deputación de Lugo a reparación urxente das estradas LU-P-5713 e LU-P-5701

Os deputados do Grupo Provincial Popular volveron denunciar o deterioro da rede viaria da provincia de Lugo e, nesta ocasión, trasladáronse ata o Concello de Sarria para comprobar de primeira man o estado das estradas LU-P-5713 e LU-P-5701, que presentan múltiples deficiencias.
Segundo sinalaron, os veciños e condutores destas vías están tan fartos dos baches que decidiron marcarlos eles mesmos para evitar accidentes, mentres que nalgúns treitos o asfalto está comezando a derreterse.
Ante esta situación, os populares avanzaron que presentarán un rogo no próximo pleno da Deputación de Lugo solicitando que se actúe con urxencia para reparar estas dúas estradas e que se execute a mellora integral da totalidade dos seus trazados. Ademais, pedirán que se garanta unha correcta execución e acabado nas intervencións realizadas en vías provinciais.
A estrada LU-P-5713, que conecta o centro de Sarria coa parroquia de Piñeira, xa fora obxecto dunha actuación entre agosto e setembro de 2024 nun tramo de dous quilómetros. Porén, segundo comprobaron once meses despois, ese mesmo treito volve presentar problemas no firme, malia a intervención recente. Un dos puntos máis perigosos sitúase no centro da calzada, onde un burato representa un risco claro para os usuarios.
Pola súa banda, na estrada LU-P-5701, que conduce ata Céltigos, prodúcese o mesmo fenómeno que en outras zonas como Castroverde: o asfalto derrétese durante os días de calor, o que causa molestias aos vehículos e fai case imposible circular a pé.