O PP fai balance das actuacións da Xunta en infraestrutura, vivenda e emprego na provincia

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Foi na reunión da xunta directiva provincial presidida por Elena Candia e na que participaron os titulares destas materias no Goberno galego
Xunta-Directiva-Provincial-partido-popular
20 Dec 2024

Elena Candia presidiu a reunión da xunta directiva provincial na que participaron tamén os responsables de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e Emprego, Comercio e Emigración no Goberno galego, María Martínez Allegue e José González. O PP da provincia continúa coa así súa actividade e a propia presidenta avanzou que “en xaneiro se reforzará o traballo en áreas de educación e sanidade para que o partido estea vivo e con representación activa nas áreas máis sensibles”.

Candia subliñou tamén, durante a súa intervención, a aprobación esta semana no Parlamento de Galicia dos orzamentos da Xunta para o ano 2025 que “sitúan a Galicia como unha illa de estabilidade fronte á situación da política nacional” e lembrou que “as contas galegas reservan para a provincia de Lugo o maior investimento por habitante (5.840 euros)”.

Candia defendeu o “traballo en positivo” que está a facer o Goberno galego para contribuír ao desenvolvemento da provincia, xerar oportunidades e atender ás demandas actuais dos lucenses cunha xestión “responsable”.

En materia de vivenda e planificación de infraestruturas, Martínez Allegue puxo en valor tanto o traballo do seu departamento “despregado ata o de agora na provincia como os compromisos a futuro” que se traducen nun incremento do orzamento dirixido á provincia de Lugo que superará en 2025 os 70 millóns de euros para “seguir mellorando tanto as infraestruturas como o acceso á vivenda”.

En concreto, destacou os avances na autovía Nadela-Sarria, o compromiso coa senda de Ombreiro na LU-234 ou as melloras das comunicacións coa Mariña con partidas plurianuais por importe de 20 millóns de euros ou na reconstrución da LU-651 en Folgoso do Courel, cunha dotación de 3 millóns de euros en 2025 e partidas plurianuais de 11 millóns, así como os investimentos destinados á conservación das estradas autonómicas. Ao respecto, convidou ao Goberno de Sánchez a “tomar boa nota, deixarse de parches e facer unha planificación anual que garanta a seguridade e as conexións coa meseta”.

No capitulo da vivenda, Martínez Allegue lembrou que “en toda Galicia triplicaremos o investimento para solo residencial e construción de vivenda pública”, e destacou que “na cidade de Lugo esta medida se traducirá en 12 millóns en construción de vivenda de promoción pública e máis de medio millón de euros destinados á adquisición para futuro solo residencial. Neste sentido, subliñou tanto os proxectos de rehabilitación da Tinería, onde a Xunta leva investidos máis de 26 millóns de euros, ou as 1.750 vivendas que se van poder construír co solo residencial que se vai desenvolver na área urbana de Lugo”.

INCREMENTAR OPORTUNIDADES LABORAIS E ATRAER TALENTO

José González puxo en valor, durante a súa intervención, as medidas que está a impulsar o Goberno galego para incrementar as oportunidades laborais dos galegos e galegas e dar resposta a retos actuais do mercado de traballo, como a cobertura de vacantes. Nese marco, detallou que a Xunta está traballando na modernización do Servizo Público de Emprego de Galicia, a través de ferramentas de intelixencia artificial como EMi, que permite casar mellor oferta e demanda e que, ademais, en 2025 contará cunha aplicación móbil que facilitará a colectivos estratéxicos como a mocidade facer autoperfilados. Así mesmo, incidiu nas medidas orientadas a garantir que nas listas de demandantes de emprego estean só aqueles que realmente buscan traballo, incrementando así a eficacia das políticas activas de emprego.

Tamén sinalou a aposta da Xunta por ir da man das empresas, flexibilizando a formación para o emprego e impulsando microformacións á carta dos sectores estratéxicos, e dos propios concellos, co reforzo de programas de éxito como os obradoiros duais ou os programas integrados de emprego. En paralelo ás accións para o mercado interno, fixo referencia á necesidade de seguir atraendo talento exterior, con foco prioritario nos retornados galegos e sempre da man das empresas, con programas en marcha como o Retorna Cualifica Emprego.

Igualmente, sinalou que se seguirá consolidando en 2025 a rede de de polos de emprendemento que suman un total 5 activos na actualidade na provincia de Lugo (A Fonsagrada, Friol, Mondoñedo, Monforte e Sarria).

0.15305399894714