O PP insta a desbloquear a ampliación do polígiono do Morelle en Sarria

SarriaXa
Defenden que hai xa catro anos, en outubro de 2020, tanto o daquela delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, como o alcalde de Sarria, Claudio Garrido, deran por segura a promoción da segunda fase
PP-no-polígono-do-Morelle
11 May 2025

O Partido Popular reclamará este martes no Senado, a través dunha moción presentada polos senadores lucenses -José Manuel Balseiro, José Manuel Barreiro e Juan Serrano- e que será debatida na Comisión de Vivenda e Axenda Urbana, que o Goberno de España impulse de maneira urxente a urbanización da segunda fase do polígono industrial do Morelle, no municipio de Sarria, así como a posterior comercialización, venda e posta a disposición das parcelas industriais resultantes.

"A falta de avances por parte da entidade estatal SEPES, dependentes do Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana, está a provocar unha perda progresiva de oportunidades para Sarria. Son xa varias as empresas que teñen renunciado a instalarse na localidade ou que optaron por trasladarse a outros concellos nos que si existe dispoñibilidade de solo industrial. Esta situación está freando o desenvolvemento económico dunha zona especialmente dinámica e con alta demanda empresarial", explican.

Hai xa catro anos, en outubro de 2020, tanto o daquela Delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, como o alcalde de Sarria, Claudio Garrido, deran por segura a promoción da segunda fase deste polígono. "Porén, este compromiso segue sen materializarse, mantendo paralizado un proxecto clave para o futuro económico da comarca", engaden.

Lembran que a Corporación Municipal de Sarria ten aprobado, con ampla maioría e co apoio de diferentes forzas políticas, unha iniciativa para reclamar a ampliación do polígono industrial do Morelle. "O obxectivo é claro: dispoñer do maior espazo posible para atraer novo tecido empresarial, fomentar o emprendemento e xerar novos empregos".

“É incomprensible que, malia os compromisos adquiridos hai anos, o Goberno siga sen mover ficha para ampliar o polígono do Morelle. Estamos a falar dunha infraestrutura estratéxica para o futuro de Sarria e de toda a comarca”, afirman os senadores do PP de Lugo.

Engaden ademais que “cada ano que pasa sen executar esta ampliación é un ano perdido para a xeración de emprego e para a implantación de novas industrias. Non se pode seguir freando a chegada de novas empresas por falta de vontade política. Sarria precisa solo industrial e precísao xa”.

Desde o Partido Popular considérase prioritario que o Goberno de España cumpra co seu cometido de poñer solo industrial a disposición da cidadanía e das empresas. "A ampliación do Morelle suporía un auténtico revulsivo para Sarria e unha aposta decidida pola dinamización económica da provincia de Lugo", conclúen.

⚙ Configurar cookies
0.16035604476929