O PP lamenta o endebedamento ao que está a someter o goberno municipal a Sarria
O inicio da tramitación dun novo crédito de 600.000 euros vén a confirmar o que leva meses anunciando o Grupo Municipal do Partido Popular respecto da “desastrosa xestión económica” do goberno de Camiña Sarria que “hipoteca o futuro do municipio”. Segundo advirten os populares “este novo crédito agrava a situación de Sarria, que é o segundo municipio da provincia que máis incrementou a súa débeda no último ano”.
Os concelleiros populares aclaran que “este endebedamento non se produce para acometer novos investimentos, senón para financiar actuacións que xa están en moitos casos executadas ou contratadas”. Os representantes do PP no Concello de Sarria consideran “preocupantes” as advertencias que recolle o Servizo de Intervención no seu informe de Control Permanente sobre o “incumprimento por parte do goberno local do obxectivo de estabilidade orzamentaria”.
Igualmente, advirte que se produce unha situación de “déficit orzamentario” que, previsiblemente, requirirá máis necesidade de financiamento ao non materializarse as previsións, absolutamente irreais, dos ingresos previstos nos orzamentos, algo que xa apuntou tamén o Grupo Municipal Popular. O servizo de Intervención tamén apunta a existencia dunha situación de “falta de control do gasto, unhas advertencias de moita gravidade que en lugar de motivar a rectificación por parte do Goberno Municipal evidencian a ausencia da responsabilidade e da dilixencia mínima que debe mostrar un responsable público”.
Para Carmen José López “é frustrante comprobar como Garrido non mostra ningún interese, non só polo presente, senón polo futuro de Sarria; xa que parece estar disposto a hipotecalo sen ningún tipo de pudor”.