O PP leva ao Pleno a integración da residencia de maiores de Sarria na rede da Deputación

SarriaXa
O PP espera que o goberno provincial apoie no pleno a integración da Nosa Señora do Carme de Sarria na rede de residencias da Deputación.
residencia maiores sarria
27 sep 2021

O pleno da Deputación debaterá na sesión de mañá unha moción do PP para que, atendendo ao acordo adoptado polo Concello de Sarria, se integre na rede da institución provincial a residencia Nosa Señora do Carme, ata agora de titularidade municipal. O portavoz provincial dos populares, Javier Castiñeira, sinalou, dende Sarria, a onde se desprazou para deixar claro o apoio do seu grupo á proposta aprobada no pleno do Concello: “Esperamos que no pleno que celebrará mañá a corporación provincial  podamos conseguir o mesmo resultado”.

Pola súa parte, José Antonio García portavoz popular no Concello de Sarria e viceportavoz na Deputación, indicou que "tal como aprobou o Concello de Sarria no pleno do mes de agosto, consideramos que esta residencia Nosa Señora do Carme ten que estar tratada pola Deputación Provincial nas mesmas condicións que están outras residencias desta provincia”. Explica que esta “é unha residencia pública, ata agora dependente do Concello de Sarria, que está operativa dende hai moitos anos e queremos que se integre na rede provincial”.

García di que “esta integración ten que ser sen custo adicional en canto a construción, simplemente no trato, na referencia e nas porcentaxes coas que a Deputación está colaborando noutros concellos desta provincia”. Que o citado centro se incorpore á rede provincial de residencias é, en opinión de José Antonio García, “unha cuestión de equidade e de xustiza con Sarria, e con todos os concellos que tendo residencias públicas aínda non teñen cofinanciación provincial”.

No pasado mes de agosto, o Concello de Sarria, que xestiona o seu propio centro dende 1983, acordou, co respaldo do PP, solicitar á inclusión desta residencia, A Nosa Señora do Carme, na rede da Deputación. 

 

Segundo o acordo plenario da corporación de Sarria, a integración terá que ser o resultado dunha negociación entre o Concello e a Deputación, para definir as condicións nas que se levará a cabo. Por parte municipal hai o compromiso de aprobar o convenio marco de cooperación entre os concellos e a Deputación para implantar e executar o sistema de servizos sociais nos centros de atención a persoas maiores. Igualmente, aprobará as ordenanzas de acceso ao servizo de atención a persoas maiores e a reguladora do prezo público para estancia na residencia.

0.23618698120117