O PP pedirá ao Goberno central impulsar a urbanización da segunda fase do polígono industrial do Morelle
Os senadores José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano solicitarán ao Goberno de Sánchez “impulsar a urbanización da segunda fase do polígono industrial do Morelle, en Sarria, que é responsabilidade da entidade estatal do solo (SEPES)” a través de varias iniciativas no Senado.
Así o deron a coñecer tras manter unha reunión con empresarios do polígono na que tamén participou a portavoz do PP local, Carmen José López, e concelleiros do Grupo Municipal Popular.
Concretamente, preguntarán formalmente cales son os plans do Goberno de Sánchez en relación á ampliación do polígono do Morelle. É dicir, “que aclare se ten previsto facer efectivo o compromiso de executar a segunda fase de urbanización, comercialización e venda de novas parcelas como iniciativa dirixida a consolidar e atraer actividade económica e xerar empregos”. A este respecto, puntualizan que é preciso que o prezo do solo sexa asequible e competitivo”.
Entre os fins da SEPES, adscrito ao Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana do Goberno de España, está o de transformar solo e poñelo a disposición das empresas e da cidadanía para que poidan emprender e traballar, “obxectivo que non se está cumprindo en relación con este polígono; porque a súa ampliación segue sen executarse”, subliñan os populares.
“En outubro do ano 2020 tanto o daquela delegado de Goberno en Galicia, Javier Losada, como o alcalde da localidade, Claudio Garrido, daban por seguro que se promovería a segunda fase de urbanización deste polígono, un compromiso que 4 anos despois non se materializou”, afean os representantes do PP na Cámara Alta.
Así, advirten que “esta parálise está a provocar unha progresiva perda de oportunidades, ata o punto de que son xa varias as empresas que desistiron de instalarse na localidade ou as que abandonan Sarria cara a outros municipios onde si poden acceder a unha máis ampla oferta de solo industrial”.
A propia Corporación Municipal de Sarria xa se pronunciou, con ampla maioría e co respaldo de distintos partidos políticos, a favor de reclamar a ampliación deste polígono e sobre a necesidade de que este proxecto vaia adiante con carácter de urxencia. O obxectivo é “dispoñer do maior espazo posible para poder levar a cabo unha actuación viable que atraia máis empresariado a unha zona especialmente dinámica”, subliñan os populares.
“A creación de solo industrial, sobre todo en localidades como a de Sarria onde hai unha alta demanda, debe ser unha cuestión prioritaria para o Goberno de España e que o polígono do Morelle poida dispoñer de novas parcelas supoñería un revulsivo de fronte ao futuro, ademais dunha aposta decidida pola revitalización da actividade empresarial e pola creación de emprego”, conclúen.