O PP pedirá no Parlamento que o Concello de Sarria complete a mellora da rúa Diego Pazos

SarriaXa
Piden “que non quede no esquecemento” o proxecto técnico presentado para a mellora da rúa e que consta desde fai anos “coa autorización autonómica”
rúa diego pazos sarria firme renovado
22 Mar 2021

O Partido Popular anunciou este luns que promoverá un acordo no Parlamento galego instando á Xunta a que requira ao Concello de Sarria para que complete a mellora integral da rúa Diego Pazos, un dos espazos urbanos e comerciais máis concorridos da vila.

O voceiro do grupo municipal do PP, José Antonio García, e o deputado José Manuel Balseiro presentaron unha iniciativa que reclama "que non quede no esquecemento" o proxecto técnico inicialmente presentado para a mellora desta rúa e que consta desde fai anos "coa correspondente autorización autonómica".

Este proxecto que, segundo os populares, "o Concello de Sarria non quere executar na súa totalidade alegando incapacidade para financialo", supón unha actuación integral de mellora das beirarrúas, aparcadoiros e da zona de circulación da vía, así como renovación dos servizos de iluminación e mobiliario urbano. Para o PP "non é suficiente" coa reparación puntual feita polo Concello hai semanas "cun asfaltado de curta duración e unhas poucas macetas" e insisten en que "deixar o proxecto a medias supón non estar á altura do que merecen os veciños e comerciantes da zona".

EXECUCIÓN DEFICIENTE

Os populares lembran que a mala situación que presentaba esta rúa, hoxe reparada parcialmente, é "consecuencia directa da deficiente execución dunha obra promovida en 2018 polo Concello e que hoxe, pese a tempo transcorrido, foi incapaz de rematar completamente, como tampouco foi quen de corrixir as deficiencias detectadas".

A pesar de ser unha estrada de competencia autonómica as obras foron executadas polo Concello coa correspondente autorización. Esta circunstancia implica que o Goberno local ten que cumprir unha serie de prescricións obrigatorias, a principal, que o Concello está obrigado a repoñer, ao seu cargo, os elementos da estrada que resulten afectados pola execución das obras, restituíndo ás súas anteriores condicións de seguridade e funcionalidade. Ademais, o Concello de Sarria é tamén responsable das operacións de conservación e mantemento requiridas.

En relación co financiamento da obra, os populares sinalan que o Concello, como administración responsable de executar os traballos de reparación integral, debe tamén asumir o custe da execución. Con todo, apuntan unha posibilidade alternativa, "que o Concello destine en parte os máis de medio millón de euros que cada ano recibe da Xunta a través do Fondo de Cooperación Local" para financiar as actuacións. “Sería unha escusa, polo tanto, alegar falta de recursos como xustificación para non levar adiante estes traballos”, manifestan.

rúa diego pazos sarria firme renovado2
0.083472013473511