O PP persónase como acusación no procedemento penal pola falta de cartos nas contas do matadoiro

SarriaXa
Denuncian que “o alcalde pechou unilateralmente a Comisión de Investigación creada no seu momento a solicitude do resto de grupos municipais”
matadoiro-Sarria
1 Ago 2024

O Grupo Municipal do Partido Popular de Sarria persónase como acusación no procedemento penal seguido ante o Xulgado de Sarria polo burato de 200.000 euros nas contas do matadoiro municipal para “coñecer os detalles do caso e defender os intereses dos veciños e veciñas”.

As primeiras declaracións dos concelleiros do partido son que levan a cabo esta acción “para intentar aportar luz nun tema tan grave coma este”. Os populares non entenden que “o máximo responsable do Concello non mostre interese en saber que pasou e que ninguén teña respondido por esta situación. É máis, o certo é que, por estraño que pareza, o goberno municipal mostrou en todo momento unha actitude evasiva e, incluso, obstrucionista”. De feito, “o alcalde pechou unilateralmente a Comisión de Investigación creada no seu momento a solicitude do resto de grupos municipais”.

Os populares afean que “nin o rexedor nin o equipo de goberno mostraran nunca nin a máis mínima preocupación por chegar ao fondo deste asunto, algo que chama especialmente a atención tendo en conta que faltan 200.000 euros de cartos públicos”.

Ademais, o Grupo Municipal Popular lembra que “o alcalde xa obviou, no seu momento, as advertencias que se fixeron por parte de Intervención sobre a grave irregularidade de que o cobro do servizo se levase a cabo sen o control necesario”.

0.16481113433838