O PP pide á Deputación que asine un convenio con Paradela para mellorar os accesos a varias parroquias

Os deputados do Grupo Provincial Popular anunciaron que no vindeiro pleno solicitarán ao goberno da Deputación que demostre a “igualdade da que presume” e aprobe a sinatura dun convenio de colaboración co Concello de Paradela para financiar as obras de “Pavimentación e mellora dos accesos a Mazo, Ferreira, Cerxedo, Reigañas, Santalla, Pol, Pacios e Tellada”, cun orzamento total de 422.325,78 euros.
Os parlamentarios provinciais sinalan que o goberno da Deputación “non debería poñer trabas” á aprobación deste acordo, xa que se trata dunha competencia da institución provincial relacionada coa colaboración cos concellos e porque o propio convenio xa conta co respaldo do pleno de Paradela, incluido o voto a favor do deputado Iván Castro.
O pasado 31 de xullo de 2025, en sesión ordinaria, o pleno do Concello de Paradela aprobou por unanimidade (7 votos: 4 do PP e 3 do PSdeG-PSOE) solicitar á Deputación a subscrición dun convenio para o financiamento das obras, dado que as vías de acceso a estes núcleos de poboación “están moi deterioradas” e o Concello carece dos medios materiais, económicos e persoais para acometer a execución directa.
Os deputados populares subliñan que o sentido común indica que a Deputación pode e debe colaborar mediante un convenio interadministrativo, ao igual que fai con outros concellos, para garantir a financiación e a execución destes investimentos necesarios.