O PP pide controlar e poñer en valor A Casona do Incio e o resto do patrimonio de Suplusa
O Partido Popular de Lugo critica nun comunicado a xestión do goberno provincial en relación coa disolución de Suplusa e a posterior xestión de todo o patrimonio procedente da desaparecida sociedade provincial como “deficiente”, concretando as súas críticas no estado, entre outras instalacións, da Casona do Incio, que “está a caer”, en palabras do portavoz popular na Deputación, Javier Castiñeira,.
Ademais, anuncia Castiñeira, que no pleno de mañá –polo martes-, o PP solicitará a creación dunha comisión de seguimento, no só para pedir explicacións de como se está xestionando ese patrimonio senón, para tratar entre todos os grupos de poñelo en valor para que sexa útil para a provincia.
"BALANCE MOI NEGATIVO"
O voceiro provincial do PP sinala que “despois de 18 meses da disolución de Suplusa, dende o Partido Popular facemos un balance moi negativo, porque cremos que todo ese patrimonio está abandonado, sen uso e sen poñer en valor”.
Castiñeira explica que “o presidente da Deputación de Lugo, o socialista José Tomé, non ten máis que saír ao balcón do seu despacho e ver como está a que foi a sede de Suplusa en San Marcos: abandonada e sen uso ningún”.
"FALTA DE XESTIÓN"
Segundo aseguran no comunicado os populares, “os exemplos da falta de xestión do patrimonio herdado de Suplusa son moitos”. E nesta liña, Castiñeira di a Tomé que “se quere pode desprazarse a Begonte ou a O Incio; no primeiro caso para ver como está a nave cedida por Manuel Mallo e toda a ferramenta que alberga sen uso ningún; no Incio, A Casona, está a caer”.
Engade tamén que “están abandonadas moitísimas parcelas, algunhas delas industriais e outras de solo rústico que estaban previstas para polígonos industriais no marco dos convenios que había con varios concellos”.
O portavoz popular aprecia “certa mala intención do goberno socialista e do BNG”. E subliña que “o PP cre que non se están usando adecuadamente os fondos que deixou Suplusa á Deputación de Lugo, máis de 4,3 millóns de euros, que debían ser para poñer en valor todo ese patrimonio e cumprir cos concellos cos que se tiñan firmados convenios que aseguraban o futuro industrial de parte da provincia de Lugo”.
TRAGSA
Castiñeira destaca que “ata agora o único que fixo o goberno da Deputación de Lugo foi encargar a Tragsa todo o que facía antes Suplusa e deixar atrás a varios traballadores que viven un mal momento e que foron obrigados a acudir aos xulgados para reclamar os seus dereitos. Entendemos que esa comisión de seguimento pode ser moi útil”.