O PP pídelle á Deputación de Lugo que mellore e garanta a seguridade dos peregrinos

O Grupo Provincial Popular desprazouse ao municipio de Sarria, onde mantiveron unha reunión que contou tamén coa participación da voceira municipal do PP, Carmen José López.
Durante o encontro, o voceiro provincial do PP, Antonio Ameijide, destacou que unha das principais reivindicacións que defenderán nos próximos plenos será a de que a Deputación de Lugo mellore e garanta a seguridade dos peregrinos nos tramos nos que o Camiño coincide con estradas provinciais.
En concreto, fixeron referencia a vías como a LU-P-5602 (Samos – Pintín – Sarria) e a LU-P-5709 (Santa María – Vila Maior – Castro de Rei de Lemos), que soportan un importante tránsito de camiñantes ao longo do ano.
Ameijide subliñou que “hai puntos nos que os peregrinos camiñan a escasos centímetros dos vehículos, sen ningunha protección”, polo que considera imprescindible a instalación de medidas de seguridade axeitadas. A esta problemática engádese, segundo sinalou, “o agravamento que supón a chegada do verán, época na que a vexetación medra rapidamente e reduce aínda máis o espazo dispoñible para os viandantes”. Por iso, pediu que a Deputación inicie de inmediato os labores de desbroce e limpeza das marxes das estradas.
Con esta nova reunión en Sarria, o PP continúa a súa rolda de encontros polo territorio lucense, co obxectivo de recoller as demandas veciñais e trasladalas ás institucións para buscar solucións reais aos problemas que afectan á cidadanía.