O PP pregunta no Parlamento polos prazos da obra da ponte de Valdriz, en Láncara

SarriaXa
Queren saber en que situación concreta se atopa o proxecto e as previsións para concluír e poñer en servizo a nova infraestrutura.
láncara ponte valdriz ponte
25 Mar 2021

O deputado do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, vén de formular unha pregunta ante a Comisión de Infraestruturas do Parlamento na que se interesa pola obra da nova senda peonil e a mellora da ponte de Valdriz, en Láncara.

O parlamentario quere saber en que situación concreta se atopa este proxecto, que razóns motivaron a paralización temporal dos traballos de execución da obra e as previsións que manexa a administración autonómica para concluír e poñer en servizo a nova infraestrutura. Tamén se interesa polas xestións comprometidas polo Concello, se se fixeron, pois no seu momento, lembra, o Goberno local dixo que colaboraría en axilizar a disposición dos terreos e permisos necesarios para executar con celeridade os traballos pendentes.

Balseiro sinala que a nova senda peonil, na que o Goberno autonómico inviste máis de 700.000 euros, está deseñada para que se integre na paisaxe e sexa segura. Esta obra exixiu longos e complexos trámites previos que incluíron a expropiación dos terreos necesarios para levar a cabo a actuación, un proxecto técnico para a construción dunha nova rotonda en substitución do cruce que existe actualmente, o ensanche do trazado da estrada e outras medidas como a creación dunha pasarela sobre o río, ampliando a plataforma da ponte con lousa de formigón.

Con todo, tamén foi necesario planificar unha actuación non prevista inicialmente consistente no soterrado da liña de evacuación hidroeléctrica que se atopa nas proximidades da ponte, o que obrigou a realizar un contrato complementario e obter os correspondentes permisos.

O deputado popular lembra que, a pesar de terse iniciado os traballos de execución hai meses, a obra sufriu varias paralizacións o que provoca inconvenientes nos usuarios da vía, dado que a ponte é o principal medio de acceso a unha urbanización próxima. Nese senso, pide que se adopten "todas as medidas necesarias" para dar un novo impulso a esta infraestrutura e que sexa unha realidade o antes posible.

0.11187696456909