O PP preguntará polo estado da axuda da Deputación para o matadoiro de Sarria
Os deputados do Grupo Provincial Popular preguntarán no pleno do martes “que pasos deu a Deputación de Lugo para facer efectiva a axuda anual anunciada e ofrecida para o matadoiro de Sarria, que ascendía a 50.000 euros”.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, recorda que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo ofreceu, no mes de novembro, unha colaboración anual de 50.000 euros para axudar a paliar o déficit no servizo do matadoiro municipal de Sarria, anuncio realizado durante unha reunión cos alcaldes da comarca o pasado 20 de novembro de 2024.
“Tras este anuncio, nada máis se soubo, polo que queremos coñecer que pasos se deron dende a Deputación de Lugo para facer efectiva esta axuda”, ao que engadiu que “agardamos que todo siga o seu curso e non quedara nun anuncio baleiro de compromiso”.
A realidade é que non se volveron a ter noticias da sinatura do convenio coa Deputación, como tampouco do cumprimento das súas obrigas por parte do Concello de Sarria de achegar a documentación necesaria para concretar o apoio comprometido pola conselleira de Medio Rural.
Neste senso, a voceira popular en Sarria, Carmen José López, considera “imprescindible” que o alcalde informe sobre o estado actual das xestións para a firma do convenio coa Deputación Provincial de Lugo e sobre o plan de investimentos que se comprometeu a achegar á Xunta fai xa máis de tres meses. “Naquel momento pechou o matadoiro coa escusa de que era necesario facer investimentos pero, polo que vemos, non eran tan urxentes se a día de hoxe aínda non foi capaz de concretalos”, sinalou.
“Seguimos esperando que o alcalde cumpra co seu compromiso e presente o plan que se comprometeu a achegar á Consellería do Medio Rural, sen o cal non é posible concretar o apoio”, sinala López.