O PP provincial pedirá no pleno que a Deputación de Lugo inicie os trámites para transferir a Casona do Incio ao Concello
Os deputados do Grupo Provincial Popular defenderán no próximo pleno que a Deputación de Lugo inicie os trámites necesarios para transferir ao Concello do Incio a Casona, para que o propio Concello poida desenvolver un proxecto que beneficie a toda a veciñanza creando un espazo de uso público.
O voceiro do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide, xunto co deputado e alcalde de O Incio, Héctor Corujo, visitaron o estado actual deste inmoble, que se atopa "totalmente abandonado e con graves danos estruturais".
Ameijide recorda que o 30 de decembro de 2024 o pleno do Concello de O Incio acordou solicitar formalmente á Deputación a cesión deste edificio, así como a concesión dunha axuda de 250.000 euros, como parte do compromiso asumido en 2015, para levar a cabo o proxecto. “Non debería haber obstáculos para apoiar esta iniciativa, xa que os propios concelleiros do PSOE en O Incio xa manifestaron o seu apoio á moción presentada polo seu partido”, indicou.
Pola súa banda, Héctor Corujo, deputado popular e alcalde do Incio, lamenta que os gobernos bipartitos do PSOE e o BNG na Deputación de Lugo "propiciaran o abandono" da Casona, a pesar de que en varias ocasións se comprometesen á súa rehabilitación.
Nos últimos anos, foron numerosas as iniciativas, tanto dos veciños como do Partido Popular, que reclamaron a rehabilitación do inmoble. En agosto de 2018, os veciños do Incio organizaron unha concentración con este fin. Tamén, no pleno da Corporación Provincial de xullo de 2021, o Grupo Provincial Popular conseguiu que se aprobara por unanimidade unha proposta para instar ao goberno provincial á rehabilitación integral da Casona.
“Desde aquela pasaron tres anos e medio e o único que fixo este goberno provincial foi apuntalar o edificio, cumprindo só parcialmente o primeiro acordo. Pero o que é realmente necesario, que é evitar que o inmoble continúe deteriorándose e recuperalo para o seu uso público, aínda non se fixo”, subliñou Corujo.
No pleno da Corporación Provincial de novembro de 2024, o goberno provincial respondeu a unha pregunta do Grupo Provincial Popular explicando a súa proposta para ceder a Casona de forma gratuíta ao Concello do Incio, para o uso que este considere oportuno. Nese momento, o alcalde e deputado do Grupo Provincial Popular mostraron a súa disposición para negociar, sempre que se acometesen as obras necesarias para mellorar o estado do inmoble.