O PP provincial reúnese con Caamaño para falar da situación da sanidade

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Abordouse a planificación da Consellería de Sanidade na provincia de Lugo, especialmente de cara á cobertura nos meses de verán
reunion-caamano-directiva-pp-lugo
Reunión do PP provincial
25 Xuño 2024

Tivo lugar unha xunta directiva provincial do Partido Popular na que participou o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e na que a presidenta Provincial explicou que a presenza do titular desta carteira en Lugo non era casual: “quixemos que a primeira xunta directiva, tras presentar aos Conselleiros de Lugo, fose co responsable en Galicia dunha das carteiras prioritarias”.

Elena Candia recoñeceu que “somos coñecedores de que a dispersión xeográfica, a perda de poboación e a falta de comunicacións que sufrimos, polo abandono do goberno central, fai que Lugo sexa un destino menos atractivo para os profesionais da medicina, e sobre todo para os de atención primaria”.

Nesta reunión de traballo interno abordouse a planificación da Consellería de Sanidade na provincia de Lugo, especialmente de cara á cobertura nos centros de atención primaria nos meses de verán.

No encontro o conselleiro explicou algunhas das medidas que se veñen de poñer en marcha co obxectivo de paliar a escaseza de profesionais no período estival, "como a activación do Plan de cobertura e reforzos en atención primaria ao que a Xunta destina 12,5 millóns de euros".

Este plan, aprobado no Consello da Xunta o pasado 17 de xuño, recolle medidas ordinarias, como cada verán, e outras 4 extraordinarias para afrontar o verán con garantías e ofrecer aos galegos unha asistencia de calidade.

Os populares lamentaron que o goberno central non faga os seus deberes dificultando a cobertura de prazas de médicos. Remarcan que “a Xunta ten a máxima dispoñibilidade para formar e contratar médicos especialistas en medicina de familia e comunitaria e en pediatría, pero a falta dunha planificación axeitada a nivel estatal impide contar con profesionais suficientes para a súa incorporación ao sistema sanitario público”.

O conselleiro de sanidade tamén explicou que o Goberno galego "fará a maior oferta de prazas de formación sanitaria especializada da historia de Galicia para 2024-2025, con 657 prazas, das cales 234 serán para a especialidade de medicina familiar e de pediatría, as especialidades con maior déficits de profesionais. A Xunta leva varios anos ofertando o 100% das prazas posibles nesas dúas especialidades".

O conselleiro puxo en valor o esforzo investidor da Xunta en infraestruturas sanitarias como, por exemplo, a do Centro Integral de Saúde de Lugo, "que revitalizou e transformou o barrio da Residencia, ou ben o proxecto que se presentou o 29 de maio para facer un novo Centro de Saúde no barrio do Sagrado Corazón".

​"Estes son dous exemplos que confirman que a Xunta é a única administración que inviste en Lugo diante dun goberno local que obstaculiza e confronta matizando como no caso do Sagrado Corazón a Xunta leva 3 anos agardando a que lle entregue os terreos para facer esta dotación tan necesaria", concluíron.

0.16051411628723