O PP reclama no Parlamento galego a reactivación da segunda fase do polígono do Morelle

O Grupo Popular rexistrará unha iniciativa no Parlamento de Galicia para instar ao Goberno de España a impulsar, sen máis demoras, a segunda fase do polígono empresarial do Morelle, en Sarria.
Esta demanda chega tras cinco anos desde o anuncio do proxecto, que continúa sen materializarse, freando o desenvolvemento económico do municipio e dificultando o asentamento de novas empresas.
Os deputados populares Cristina Sanz e José Manuel Mato, acompañados pola portavoz municipal do PP, Carmen José López, visitaron os terreos onde se prevía desenvolver esta segunda fase para denunciar publicamente o atraso acumulado.
“Pasaron case cinco anos desde que o entón delegado do Goberno, Javier Losada, e o alcalde, Claudio Garrido, anunciaron a bombo e prato o compromiso para desenvolver esta ampliación, prometendo incluso o inicio da comercialización das parcelas, cunha extensión próxima aos 240.000 metros cadrados”, lembraron os parlamentarios populares.
Segundo denunciaron, “lamentablemente, pasado todo este tempo aínda non se fixo nada, o que ocasiona un grave prexuízo para Sarria, ao impedir o asentamento de novas empresas ou a ampliación das existentes, que se ven obrigadas a buscar alternativas fóra deste concello”.
A iniciativa presentada no Parlamento galego súmase á xa impulsada no Senado polos representantes do PP de Lugo, que tamén demandaban ao Executivo central compromisos concretos, prazos e dotacións económicas. “A resposta do Goberno de Pedro Sánchez deixou claro que non teñen intención real de executar esta segunda fase do polígono de Morelle”, concluíron Sanz e Mato.