O PP reclama que o goberno de Láncara compre carne a productores locais

SarriaXa
Óscar Martínez resalta a calidade da carne de Ternera Gallega que se produce en Láncara e reclama o apoio do goberno local aos produtores.
30 Abr 2021

Os populares de Láncara lamentan que “o goberno local non mercara aos produtores locais a carne que está a ofrecer ás familias do noso municipio”. Os concelleiros do PP cren que “se dende o goberno municipal queren apoiar aos nosos gandeiros, podían comprar a carne a produtores de Láncara. O reparto de 2 kg de carne a cada familia supón, previsiblemente, un custe de máis de 12.000 euros; polo que sería máis positivo que ese diñeiro servira para apoiar aos gandeiros do noso municipio e, ao mesmo tempo, contribuír á reactivación económica de Láncara ao quedar ese diñeiro no propio concello”.

Óscar Martínez, concelleiro popular e gandeiro de profesión, defende a calidade da carne que se produce nas explotacións de Láncara, que é o un dos concellos de maior produción de carne de Ternera Gallega Suprema. Láncara ten unhas 320 explotacións gandeiras de vacún, das cales 260 son de aptitude cárnica e practicamente en todas elas se crían animais de calidade extraordinaria que, por iso, se acollen á IXP Ternera Gallega Suprema.

Os populares destacan, así mesmo, a relevancia da Feira de Tenreira Galega de Láncara que se celebra tradicionalmente o 1 de maio e que foi declarada Festa de Interese Turístico de Galicia o ano pasado. 

“Este ano debido á actual situación sanitaria tampouco se poderá desenvolver da forma habitual; pero segue sendo unha cita importante para os veciños e veciñas”. Os populares inciden en que se trata “dunha festa de todos” e, polo tanto, consideran “unha pena” que o goberno local non conte coa totalidade da corporación municipal para o desenvolvemento dos distintos actos porque cren que “esta feira de tanta tradición debería estar por enriba das cores políticas”.

0.086169958114624