O PP reclamará no Pleno da Deputación investir os 21 millóns de recadación no Plan Deputación

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Os populares pedirán que a metade destes fondos se dirixan á mellora e mantemento da estradas provinciais duplicando o orzamento para a rede viaria da Deputación
pp-deputacion-lugo
17 sep 2024

Os deputados do Grupo Provincial Popular anunciaron que no pleno da próxima semana se defenderá unha iniciativa para esixir ao goberno provincial que destine os máis de 21 millóns de euros (21.756.212,86€) procedentes da liquidación definitiva da participación das entidades locais nos tributos do Estado do ano 2022 -dos cales se ingresaron nas contas de Deputación de Lugo nas últimas datas preto de 20 millóns (19.634.185,52€)- á mellora e ao mantemento da rede viaria provincial e ao incremento dos fondos destinados ao Plan Deputación a través dunha liña adicional de cooperación cos Concellos.

O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, ve neses máis de 21 millóns de euros ingresados neste ano “o revulsivo perfecto para recuperar a xustiza e a solidariedade entre todos os municipios. Agardamos que o presidente da Deputación os reparta con criterios igualitarios, algo que non fixo cos máis de 100 millóns de euros do orzamento provincial”, criticou.

A proposta que defenderán os deputados populares consistirá en que a metade deses fondos se destinen ao mantemento e mellora da rede de estradas provincial da Deputación de Lugo de forma que se duplique a partida 45.30 para estradas do orzamento para o 2024. Ameijide lembrou que “as vías provinciais están intransitables, froito da falta de mantemento, e dificultan a conexión e comunicación entre municipios, ademais de facer perigosos os desprazamentos a lucenses e turistas”.

A outra metade, segundo defenden os populares, debería destinarse a incrementar nun 50 % os fondos do Plan Deputación -dotado neste 2024 con 21,75 millóns de euros- a través dunha liña adicional dirixida aos Concellos “porque, dos Plans que se aplican a día de hoxe, é o medio máis igualitario para o reparto de fondos entre os municipios da provincia”. Ameijide subliña que “o goberno de PSOE e BNG prefiren repartir os fondos a dedo entre os amiguetes de José Tomé” lembrando os 15 millóns dirixidos no 2023 a través de convenios ou os 3,3 millóns no primeiro semestre do 2024 a Concellos gobernados na práctica totalidade por PSOE e BNG.

Os populares inciden en que a asistencia e cooperación xurídica, económica e técnica aos municipios é unha competencia propia das Deputacións provinciais atendendo ao artigo 36. b) da Ley 7/1985, de 2 de abril, Reguladora de las Bases del Régimen Local. E tamén entra dentro das súas responsabilidades principais xestionar e conservar os bens da súa titularidade como é o caso da rede viaria provincial, “a máis extensa de España que foi construída por un goberno do Partido Popular e que PSOE e BNG non son capaces de manter en bo estado para favorecer a comunicación dos lucenses e o desenvolvemento da provincia”.

Dende o Grupo Provincial Popular agardan que o goberno provincial “escoite, valore e acepte esta proposta en positivo que unicamente busca mellorar a provincia e avanzar na igualdade entre municipios. No caso de que non a acepten será a confirmación de que José Tomé se transformou nunha especie de independentista catalán; xa que só quere fondos para unha parte da provincia e para o resto non. Agardamos que a insolidariedade dos independentistas cataláns non se instalase tamén dentro do socialismo e nacionalismo lucense”, finalizaron.

0.18056488037109