O PP resume as necesidades da vila
A presidenta provincial, Elena Candia, mantivo na tarde de onte unha xuntanza con afiliados e representantes do grupo municipal de Sarria, que preside José Antonio García. Durante o encontro, enmarcado na rolda de contactos que a dirixente popular está a levar a cabo coas agrupacións locais para coñecer de primeira man as súas necesidades e trasladalas ás distintas administracións, puxo en valor o esforzo inversor que está a realizar a Xunta de Galicia neste municipio. E é que, segundo apuntou, “con total humildade, podemos dicir que é o maior investimento feito nos últimos anos polo Goberno galego”.
A presidenta citou “o excelente ritmo” que levan as obras do treito da autovía Sarria- A Pobra de San Xillao, así como a futura licitación de todo o proxecto para completar o desdobramento do corredor ata Nadela. Outras das actuacións sinaladas pola dirixente dos populares foi a obra do colexio Frei Luis de Granada ou a actuación anunciada esta mesma semana pola conselleira de Política Social, Fabiola García, e que beneficia ao CAPD (Centro de Atención a Persoas con Discapacidade”.
Concretamente, nos últimos tres anos, a administración autonómica destina a actuacións que benefician aos sarrianos máis de 53 millóns de euros. Neste importe inclúense os proxectos citados: 25 millóns para a autovía, 1,5 millóns para o centro educativo e 400.000 euros para o CAPD.
“A disposición”
Elena Candia tamén aproveitou o encontro para poñerse a disposición do grupo municipal, afiliados e simpatizantes, co fin de “seguir colaborando”, porque, dixo, “iso é o que nos demandan os sarrianos”. “Dende a miña condición de presidenta, pero tamén de deputada autonómica estou para o que precisedes e dar resposta ao que vos trasladan os vosos veciños”.
José Antonio García, pola súa banda, agradeceu “a disposición” da dirección do partido, engadindo que, “se non fose pola Xunta, gobernada polo PP, en Sarria apenas habería obra pública”. A este respecto, detectaron a falta de apoio doutras administracións como o Goberno central no referente ao chan industrial. A nivel local, a xestión do alcalde, apuntou García, “está caracterizada por ser o único sen ningún tipo de axudas ás familias e ao tecido económico local; pola perda de subvencións constante como os 450.000 euros dos Plans Únicos ou o obradoiro de emprego; por non dispor de axudas para a contratación de mulleres en risco de exclusión social; e tamén polas privatizacións millonarias a empresas foráneas (20 millóns do servizo eléctrico a unha empresa valenciana por 20 anos), polos recortes de servizos públicos locais como o cemiterio e por propostas de subas de impostos, taxas e presos públicos”. En definitiva, dixo, “polos incumprimentos xeralizados nas promesas electorais, como a falta de orzamentos dende hai seis anos ou o oglomerado en quente das pistas rurais”.
A nivel provincial, “o que temos é o Plan Único, e iso é porque o impulsou o Partido Popular sendo Elena Candia voceira do Grupo Provincial”, sinalou, O voceiro do PP fixo referencia tamén á necesidade de “seguir sumando para Sarria”; municipio “no que a pandemia está a facer moitos estragos a nivel económico”. Neste senso, suliñou a aposta do presidente Feijóo polo Xacobeo, pois o Camiño representa para unha das principais fontes económicas do municipio.
Reforzo do Partido
En clave máis orgánica, tanto García como Candia trasladaron aos asistentes a vontade de “seguir traballando” para reforzar o Partido de cara ás vindeiras municipais, xa que, están convencidos, de que o Partido Popular “é a única forza que pode dar solvencia á desfeita dos últimos gobernos -socialista e independente- que tivo Sarria”.
Apoio do PP de Sarria á presidenta ante as palabras de Tomé
García trasladou tamén a Candia, en nome de todo o grupo municipal e dos afiliados desta localidade, “o apoio rotunto” ante o que considera “unha falta de respecto persoal e político” por parte do presidente da Deputación respecto da vestimenta da presidenta provincial na convocatoria de alcaldes diante do Pazo de San Marcos para reclamar “algo que é xusto e é unha evidencia, que as estradas provinciais están intrasitables en toda a provincia”.
“Foi un feito sen precedentes e indigno de alguén que ostenta un cargo tan relevante dende o punto institucional, como é o de presidente da Deputación”. Por iso, lembrou, “o martes reprobarémolo no pleno provincial”.