O PP reuniuse con autónomos da provincia de Lugo para presentar medidas de apoio ao colectivo

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Elena Candia, Cristina Abades e Cristina Sanz escoitaron as demandas dos traballadores por conta propia para incorporalas ao Plan Integral do Autónomo
Reunión-autónomas-Lugo-PP
12 Mar 2026

A presidenta do PP e voceira municipal, Elena Candia, a deputada lucense no Congreso, Cristina Abades, e a concelleira e portavoz de Economía do Partido Popular no Parlamento de Galicia, Cristina Sanz, mantiveron unha reunión con membros de Lugo Monumental e Mulleres Líderes de Galicia para coñecer de primeira man a realidade dos autónomos e autónomas, que “son parte fundamental do tecido produtivo da nosa provincia”.

Durante o encontro, as representantes populares presentaron algunhas das medidas de apoio ao colectivo impulsadas polo Partido Popular e recolleron as demandas dos autónomos para incorporalas ao Plan Integral do Autónomo avanzado por Feijóo, resumido como “menos impostos e trabas, máis protección e facilidades para medrar”.

Entre as principais medidas incluídas nun decálogo están: exención do IVE para quen factura menos de 85.000 euros; Tarifa Cero para novos autónomos; redución anual das declaracións fiscais de catro a dúas ou unha; non pagamento das cotizacións durante un ano polo primeiro empregado contratado e bonificación do 50 % para o segundo; exención das cotizacións por baixas por enfermidade grave; facilidades para continuar traballando despois da xubilación cobrando o 100 % da pensión; non penalizar a pluriactividade por superar a base máxima; exención de cotas durante dous anos tras a paternidade ou maternidade; equiparación de dereitos por lactación e clarificación e incremento das deducións de gastos.

Os autónomos coincidiron en sinalar a “falta de persoal e de relevo xeracional” e as dificultades para emprender debido a que “o Goberno de Pedro Sánchez prexudica a quen traballa”, segundo apuntaron as populares. Pola súa banda, o Goberno galego puxo en marcha nos últimos anos medidas para facilitar o traballo autónomo, como a cota cero para novas altas, a unificación das axudas nunha única orde para simplificar trámites ou o Bono Remuda, co obxectivo de impulsar a continuidade dos negocios.

Elena Candia compartiu tamén con autónomas lucenses propostas para mellorar a súa actividade, subliñando que o Concello debe actuar como aliado das iniciativas empresariais. A voceira municipal destacou a necesidade de reforzar o apoio aos autónomos e ao comercio local mediante un plan permanente para dinamizar a actividade económica, mellorar a accesibilidade, o aparcamento e a seguridade nas zonas comerciais, así como garantir a participación dos comerciantes en proxectos municipais que poidan afectar aos seus negocios, como o Plan de Mobilidade aprobado polo goberno do PSOE e BNG.

0.12438797950745