O PP urxe ao Goberno a urbanizar a segunda fase do polígono industrial do Morelle en Sarria

SarriaXa
"A creación de solo industrial, especialmente en localidades como Sarria, onde hai unha alta demanda, debe ser unha cuestión prioritaria para o Goberno de España", inciden
PP-no-polígono-do-Morelle
8 Jan 2025

Os representantes do Partido Popular, José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano, esixirán desde o Senado que o Goberno de España impulse a urbanización da segunda fase do polígono industrial do Morelle, situado en Sarria.

Solicitan que se concreten prazos e investimentos, unha demanda que, segundo o senador Juan Serrano, vén motivada pola resposta oficial do Goberno ás súas preguntas sobre a situación deste parque empresarial, xestionado pola entidade estatal do solo (SEPES).

O Executivo asegura ter realizado o proxecto, “pero non compromete nin prazos nin cantidades, polo que non parece que o Goberno de Sánchez teña intención real de executar esa segunda fase". A proposta, que será debatida no Senado por iniciativa dos representantes do PP lucense, responde a unha petición dos empresarios e do PP de Sarria. O obxectivo é executar a ampliación do polígono para consolidar e atraer actividade económica e xerar novos empregos.

Os senadores tamén instan á comercialización e venda de novas parcelas "a un prezo accesible e competitivo". A Corporación Municipal de Sarria xa se pronunciou ao respecto, tras unha proposta do Grupo Popular, adoptada por ampla maioría e co respaldo de distintos partidos políticos. Reclaman a ampliación deste polígono como unha necesidade urxente para dispor do maior espazo posible e atraer máis negocios a unha zona especialmente dinámica, tal como subliña Serrano.

"A creación de solo industrial, especialmente en localidades como Sarria, onde hai unha alta demanda, debe ser unha cuestión prioritaria para o Goberno de España", incide o representante popular. Argumenta que dispoñer de novas parcelas no polígono do Morelle suporía un revulsivo para o futuro, ademais de ser unha aposta pola revitalización empresarial e a xeración de emprego.

Os representantes do PP no Senado lembran que en outubro de 2020 tanto o daquela Delegado de Goberno en Galicia, Javier Losada, como o alcalde da localidade, Claudio Garrido, aseguraban que se promovería a segunda fase de urbanización deste polígono. Máis de catro anos despois este compromiso aínda non se materializou.

A falta de execución da ampliación do polígono do Morelle está a provocar unha progresiva perda de oportunidades, xa que varias empresas desistiron de instalarse na localidade, mentres outras trasladan as súas operacións a municipios onde poden acceder a unha oferta máis ampla de solo industrial.

0.14599204063416