O presidente da Deputación presenta o Plan de Vialidade Invernal
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou en Pedrafita do Cebreiro o Plan de Vialidade Invernal despregado polo organismo provincial para a temporada 2024-2025, co obxectivo de garantir unha resposta áxil e eficaz ante as incidencias que poidan xurdir polas inclemencias meteorolóxicas nos 4.217 quilómetros da rede viaria provincial.
Este plan inclúe un operativo composto por 112 operarios e 64 máquinas, así como a colaboración de 8 empresas especializadas en conservación e mantemento, que traballarán de forma coordinada cos medios da institución en cada unha das 8 zonas en que se divide a rede viaria.
José Tomé Roca destacou que a seguridade nas estradas “é un dos principais eixos do Goberno provincial e que este operativo busca actuar coa máxima eficacia e rapidez para garantir que as vías de titularidade provincial estean nas mellores condicións para o tránsito seguro durante a campaña invernal”.
Ademais, subliñou ademais que, dado que máis da metade das estradas provinciais superan os 600 metros de altitude, "estes tramos están especialmente expostos ás inclemencias meteorolóxicas".
A Deputación conta tamén cun total de 420 toneladas de sal distribuídas en 12 silos situados estratexicamente por toda a provincia. Estes silos tamén estarán dispoñibles para os 67 concellos da provincia en caso de emerxencias ou fortes temporais. O Plan de Vialidade Invernal busca garantir a seguridade nas estradas provinciais durante todo o inverno, especialmente nas zonas de maior altitude, onde as condicións meteorolóxicas poden ser máis adversas.
Tomé subliñou que o protocolo de actuación do Plan de Vialidade Invernal está a disposición dos 67 concellos da provincia para fomentar a colaboración entre administracións. "Poñemos á disposición dos concellos da provincia todos os recursos necesarios, tanto humanos como técnicos, para que tamén poidan afrontar as emerxencias meteorolóxicas que afecten ás súas estradas municipais", explicou. Ademais, a institución provincial subministra sal de mina aos concellos para que poidan atender os problemas que se xeren nas estradas municipais debido ás condicións meteorolóxicas adversas.
Deste xeito, “non só garantimos que as vías provinciais se manteñan limpas e sen riscos, senón tamén que os concellos poidan afrontar situacións de emerxencia ou imprevistos en calquera estrada, subministrándose dos silos que a Deputación ten repartidos pola provincia”.
Os depósitos de sal atópanse en Ourol, O Valadouro, Riotorto, Lugo, Becerreá, O Incio, Pedrafita do Cebreiro, Folgoso do Courel, Cervantes, Navia de Suarna, A Fonsagrada e Ribas de Sil. Cada un destes almacéns dispón de 35 toneladas de sal de mina, o que fai un total de 420 toneladas dispoñibles para cubrir as necesidades dos concellos ante as inclemencias do tempo.
27 millóns de euros para estradas no 2025
A mellora da mobilidade é unha das liñas de actuación prioritarias da Deputación, tal e como demostra que nos Orzamentos do ano 2024, aprobados polo Pleno esta mesma semana, sobe de novo as partidas destinadas a estradas ata alcanzar os 27 millóns de euros, o que representa o 21 % do orzamento total da Deputación (130 millóns de euros). Estes fondos servirán tanto para obra nova, como para conservación, roza e actuacións do Parque Móbil, en estradas provinciais e municipais. “Esta cifra supón un incremento do 42 % respecto ao orzamento de 2024, reflectindo un claro compromiso coa mellora das infraestruturas. En comparación con anos anteriores, en 2019 destináronse 14 millóns de euros, o que pon de manifesto un esforzo progresivo por aumentar a inversión en estradas, cun incremento de máis de 13 millóns de euros nos últimos seis anos”, afirmou Tomé Roca.