O primeiro PXOM do ano foi aprobado no Concello do Incio

SarriaXa
O primeiro PXOM do ano foi aprobado no Concello do Incio
PXOM do Incio
7 Mar 2023

O Concello do Incio xa ten un novo Plan Xeral de Ordenación Municipal despois de que a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asinara a orde pola que se aproba o PXOM.

Ademais da conselleira, no acto estivo presente o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, quen dixo que "este documento marcará a evolución e o futuro deste Concello nos próximos 25 anos e que beneficiará aos máis de 1.500 habitantes que se distribúen en 28 parroquias do Incio".

O Incio xa contaba cun PXOM adaptado á normativa urbanística vixente, que fora aprobado no ano 2005, pero, segundo dixo a conselleira, "era necesario revisalo e actualizalo para facer unha análise máis completa de todos os aspectos que inciden na ordenación territorial do municipio".

Necesidades do Concello

Así, logo de facer fincapé en que se trata do primeiro PXOM aprobado en 2023, Ángeles Vázquez explicou que foron varias as necesidades que impulsaron esta actualización, como a regularización da ordenación segundo o parcelario e a revisión do límite municipal do Concello.

Ademais, tamén foi necesario definir un modelo de asentamento da poboación que responda á realidade territorial e revisar cuestións como o solo rústico de especial protección, o sistema de asentamento de núcleos rurais e o solo especialmente protexido de augas.

E, en materia de patrimonio, incorporáronse os túmulos en Serra de Arriba e Seixas, logo de ser atopados neste último período.

Deste xeito, este novo plan urbanístico supuxo volver a estudar a totalidade da superficie do termo municipal, 146 km2, dando como resultado que máis do 98% do territorio do Incio é solo rústico, seguido polo de núcleo rural, preto do 1,5%, o urbano e o urbanizable.

A maiores, a conselleira subliñou que o PXOM aprobado hoxe prevé preto de 105.000 metros cadrados para espazos libre e zonas verdes e máis de 28.500 metros cadrados para equipamentos comunitarios.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reserva para este ano de 3,2 millóns de euros para a redacción dos plans urbanísticos dos Concellos.
0.1099271774292