O proxecto "Camino de Europa" presenta en Sarria unha aplicación para revitalizar o Camiño Francés

SarriaXa
Unha nova ferramenta dixital conectará aos viaxeiros con produtores locais, impulsando a economía e a cultura nos municipios polos que pasa o Camiño
camiño-sarria
11 sep 2024

Este xoves 12 de setembro Sarria será o escenario da presentación da proba de concepto da nova aplicación web do proxecto "Camino de Europa", unha iniciativa impulsada por Fondos Europeos que busca mellorar a experiencia dos peregrinos e fortalecer as economías locais ao longo do Camiño Francés. Esta é unha ferramenta dixital que conecta aos camiñantes con produtores locais, creando unha rede de consumo sustentable e fomentando a preservación das tradicións locais nos municipios galegos desta ruta.

O evento contará coa participación da presidenta da Mancomunidade de Municipios Galegos do Camiño Francés, xunto aos 11 alcaldes das localidades polas que atravesa o Camiño en Galicia, ademais de socios do proxecto e autoridades locais e rexionais. Tamén estarán presentes emprendedores e produtores locais, quen compartirán a súa experiencia e os beneficios que supuxo a súa participación no proxecto.

PROGRAMA

Data: Xoves, 12 de setembro de 2024

Lugar: Concello de Sarria (Rúa Maior 14, Sarria)

11.00 horas. "Por que Camino de Europa? Innovación para mellorar a experiencia e revitalizar o local", onde interveñen Reyes Abella, concelleira do Camiño de Santiago no Concello de Sarria, e María Parga, socio de Waze e de Camiño de Europa.

11.10 horas. "Achega da Mancomunidade a Camino de Europa e a Proba de Concepto, onde interveñen Olga Iglesias, alcaldesa de Triacastela e presidenta da Mancomunidade de Municipios Galegos do Camiño Francés, e Antonio Armesto de Destination Experience.

11.20 horas. "Acollida dos produtores e establecementos á app de Camino de Europa, onde interveñen por parte de produtores, Cárnicas Teijeiro e Porco Celta; e por parte de establecementos, Hotel Alfonso IX de Sarria.

11.30 horas. Ronda de preguntas

11.40 horas. Despedida dirixida por Manuel Taboada Vigo, alcalde do Pino.

SOBRE "CAMINO DE EUROPA"

"Camino de Europa" busca mellorar a experiencia dos peregrinos mediante unha plataforma dixital que conecta aos viaxeiros con produtores e servizos locais. A ferramenta, dispoñible nunha app baseada en tecnoloxía blockchain, pretende apoiar o desenvolvemento económico e cultural nas cinco Comunidades Autónomas que atravesa o Camiño Francés: Navarra, Aragón, A Rioxa, Castela e León e Galicia, o percorrido máis popular desta ruta histórica.

O proxecto está liderado pola Asociación Cultural Camiño de Santiago Rúa Maior de Europa xunto á startup WAYS, e conta con financiamento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Unión Europea NextGenerationEU, baixo o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.

0.183109998703