O proxecto 'Convivindo na igualdade' da Anpa Frei Luis de Granada contará con 20.000 euros
A ANPA do colexio Frei Luis de Granada de Sarria vén de conseguir que lle concedan unha subvención de 20.000 euros para a realización do proxecto 'Convivindo na igualdade’ grazas ao plan de Axudas en desenvolvemento do plan corresponsables 2023.
Desde a Anpa defenden que, "como representantes dos pais e nais do noso centro educativo, cremos que a educación é a ferramenta fundamental para alcanzar a igualdade, unha meta moi necesaria, pero sen obviar no seu alcance a implicación de todos os axentes sociais necesarios para iso". Así, explican que a partir desas dúas premisas, a educación e a implicación social, "desenvolveremos este proxecto 'Convivindo na igualdade'.
Desenvolvemento do proxecto
En canto ao enfoque educativo, comentan, "basearemos o desenvolvemento do proxecto nos principios pedagóxicos que a LOMLOE redacta para cada ciclo, logrando dese modo alcanzar obxectivos e competencias desenvolvidas no currículo cunha metodoloxía adaptada ao mesmo".
En canto ao enfoque social, buscouse a participación de todas as institucións e asociacións que a diario inciden na vida, e estes aceptaron colaborar no proxecto. "Desde a nosa perspectiva como nais, pais e especialistas en distintos ámbitos laborais, consideramos que un tema tan importante non debe ser enfocado só aos pequenos, senón amplialo ao contexto que os rodea.
Colaboración
Así, din que agradecemos a colaboración da comunidade educativa colexio "que cada día está mais consolidada e a cal demostrou que é capaz de superar calquera fochanca, da cal formamos parte".
Tamén agradeceron a todas as institucións, centros educativos e asociacións que en agosto, cando contactaron con elas "creron en nós sen dubidalo", e á Concellería de Igualdade porque "non podemos esquecer o asesoramento recibido por parte de Ana Isabel Vergara, que non dubidou nin un segundo en poñer os medios necesarios para asesorarnos neste proxecto e brindarnos a súa colaboración".
Tamén quixeron facer referencia a Mónica López, do BNG, que hai 4 anos capitaneou 'Vivas e Visibles' "e desde que llo comentamos a súa implicación foi máxima"; e tamén a Carmen López, do PP, "que é un claro exemplo de como se pode romper o teito de cristal e sempre está aí cando levantamos o teléfono, unha clara demostración de que cando o que nos une é un fin común as desavinzas doutros índole quedan á marxe, e remamos todos na mesma dirección", sentenciaron desde a Anpa.