O PSdeG acusa ao alcalde de Sarria de recortar o Nadal para ocultar a súa xestión económica

SarriaXa
Os socialistas atribúen a redución das luces á falta de previsión e á situación económica creada polo propio goberno local
rúa-Liberdade-Sarria-sen-iluminación-Nadal-25
5 Dec 2025

O PSdeG-PSOE de Sarria critica a diminución do alumeado de Nadal, unha medida que, segundo a formación socialista, responde unicamente á ausencia de planificación e á complicada situación financeira na que o rexedor levou ao Concello.

O partido lembra que o Nadal é “un dos momentos máis simbólicos do ano, no que a iluminación e a decoración forman parte da identidade da vila, axudan a crear ambiente, atraen xente ás rúas e sosteñen a actividade social e comercial de Sarria”. Nese contexto, aseguran que numerosas veciñas e veciños trasladaron o seu malestar polo recorte, que interpretan como “un signo máis da decadencia e do abandono ao que Garrido somete a Sarria”. Engaden que “a cidadanía merece unhas festas dignas, e este ano volve pagar as consecuencias da incapacidade do alcalde”.

Desde o PSdeG afirman que, lonxe de asumir responsabilidades, Garrido tenta facer crer que a falta de iluminación responde á negativa da oposición a apoiar as subas de taxas propostas polo executivo local. Para os socialistas, trátase dun “novo intento de distraer a atención e cargar contra outros unha situación creada exclusivamente pola súa mala xestión”.

O voceiro socialista, Benjamín Escontrela, foi claro ao asegurar que “Garrido recorta as luces de Nadal porque levou o Concello á obriga dun plan económico. Non pode seguir culpando á oposición para ocultar sete anos de inacción”.

A formación insiste en que o problema non está nas ordenanzas, senón na falta de previsión e na incapacidade do rexedor para organizar correctamente o orzamento municipal. “A veciñanza está cansa, e con razón: chegar ao extremo de recortar no Nadal é a consecuencia directa de anos sen facer os deberes”, afirmou Escontrela. “O alcalde debe asumir as súas obrigas. As luces non desaparecen pola oposición: desaparecen porque Garrido non fixo o seu traballo”, engadiu.

O PSdeG conclúe que as palabras do mandatario constitúen “un novo intento de mentir e desviar o foco”, e comprométese a seguir canalizando as queixas da cidadanía e denunciando calquera decisión que, ao seu xuízo, “detériore a vida social, cultural e económica de Sarria”.

⚙ Configurar cookies
0.074548006057739