O PSdeG de Sarria acusa a Claudio Garrido de intentar culpar á oposición da súa "incapacidade de xestión"

SarriaXa
Os socialistas consideran inadmisible que o alcalde responsabilice á oposición do bloqueo da ordenanza do lixo tras sete anos sen renovar o contrato nin mellorar o servizo
Benjamín-Escontrela,-PSOE-Sarria
13 Nov 2025

O PSdeG-PSOE de Sarria cargou contra as declaracións do alcalde, Claudio Garrido, nas que acusou á oposición de “bloquear” a modificación da ordenanza do lixo. Para os socialistas, resulta inadmisible que o rexedor tente trasladar a responsabilidade dunha situación provocada pola súa propia falta de xestión, despois de sete anos de mandato sen mellorar un servizo que el mesmo cualificou como “deficiente e ineficiente”.

O voceiro socialista, Benjamín Escontrela, lembrou que a ordenanza do lixo é competencia directa do goberno local e que “Garrido non pode responsabilizar á oposición dunha cuestión que é da súa exclusiva competencia”. Engadiu que a proposta de subida da taxa do lixo non saíu adiante “polo impacto que tería nas economías familiares, non por ningún bloqueo político”. “Tras a recente suba do IBI e do imposto de vehículos, aplicar agora un incremento masivo da taxa do lixo sería un golpe inasumible para a veciñanza”, advertiu.

Escontrela subliñou que a responsabilidade do alcalde é “ofrecer alternativas, buscar acordos e tender pontes, non botarlle a culpa á oposición”. Lembrou, ademais, que o propio Garrido recoñeceu que o contrato do lixo, datado en 2005, leva cinco anos vencido e que o servizo continúa a prestarse con contedores rotos e en mal estado. “Ese recoñecemento é a mellor proba de que en sete anos non foi quen de renovar o contrato nin de presentar unha alternativa seria, e agora pretende facer responsable á oposición da súa incapacidade. É indignante”, denunciou.

Desde o PSdeG-PSOE tamén critican que o alcalde nunca intentase negociar coa oposición sobre esta cuestión, “do mesmo xeito que tampouco o fixo cando pactou co PP o Plan Económico-financeiro, a suba do IBI e do imposto de vehículos”. “Non se pode falar de bloqueo político cando o alcalde nin sequera tenta dialogar coa oposición”, engaden.

Os socialistas explican que cada vez que ofrecen alternativas, o rexedor as rexeita “só porque non son a súa idea”. “Cando propuxemos unha modificación de crédito para adiantar a aprobación da RPT, votou en contra unicamente por cuestión de orgullo político. Esa é a súa forma de gobernar: ou é como el quere, ou non é”, afirmou Escontrela.

Neste sentido, o PSdeG considera que Garrido mantén un patrón de conduta reiterado: “Estamos afeitos a que actúe deste modo, votándolle a culpa aos demais e evitando asumir responsabilidades. Despois de sete anos de mandato, non pode seguir repetindo que a culpa é da oposición”.

O grupo socialista defende que calquera actualización das taxas municipais debe facerse “con rigor, progresividade e sentido común”, e atribúe a situación actual “á falta de planificación do alcalde, que está a trasladar aos fogares sarriáns o custo da súa nefasta xestión”.

“Non pode subir todos os impostos de golpe. Primeiro o IBI, despois os vehículos e agora tamén o lixo. O patrón é sempre o mesmo: os sarriáns acaban pagando a factura da incompetencia do alcalde”, concluíu Escontrela.

⚙ Configurar cookies
0.06571102142334