O PSdeG de Sarria acusa a Claudio Garrido de subir os impostos para "tapar o seu descontrol económico"

SarriaXa
Os socialistas denuncian que o alcalde incumpriu a regra de gasto en 1,5 millóns e obriga agora á veciñanza a asumir unha das maiores subas fiscais da historia recente do municipio
PSOE-Sarria
17 Oct 2025

O PSdeG-PSOE de Sarria acusou ao alcalde, Claudio Garrido, de realizar unha “nefasta xestión económica” tras anunciar un incremento xeneralizado dos impostos e taxas municipais, entre eles a recollida do lixo, o IBI, a auga e o imposto de vehículos.

Segundo o grupo socialista, esta medida é consecuencia directa do incumprimento da regra de gasto por un importe de 1,5 millóns de euros, o que, ao seu xuízo, evidencia “a falta de planificación e responsabilidade do rexedor”.

“Garrido pretende que sexan os veciños quen paguen as consecuencias da súa incompetencia”, sostivo o voceiro socialista, Benjamín Escontrela, quen cualificou esta situación como “a cara B do pacto co PP, froito dunha política electoralista, sen previsión nin control do gasto”. Engadiu ademais que o alcalde só impulsa un plan económico financeiro “porque non lle queda outra opción, xa que, se non o presenta, o Concello será intervido por Facenda”.

O PSdeG lembra que os informes de Intervención advertían desde hai anos da necesidade de corrixir os desequilibrios orzamentarios e do escaso control do gasto municipal. “Agora, Garrido traslada a súa irresponsabilidade ao peto dos veciños”, lamentan. Escontrela recorda tamén que o alcalde xa incrementou tarifas e servizos como a piscina climatizada, a conciliación familiar, a atención temperá, as terrazas ou a residencia de maiores “sen introducir melloras nin reformas, máis aló da cuberta deste último centro”.

A nova proposta supón, segundo os socialistas, unha das maiores subas fiscais da historia recente de Sarria. A taxa do lixo increméntase máis dun 200 %, pasando de 56 a preto de 120 euros anuais; o IBI sobe un 19 %; o imposto de vehículos encarece preto dun 30 %, e a auga un 2,7 %. “Son incrementos desorbitados que deberían terse aplicado de forma progresiva e planificada, pero a súa desidia obrígao a facelo todo de golpe”, criticou o voceiro.

O grupo socialista acusa a Garrido de gobernar con criterios electoralistas e sen planificación, o que, aseguran, deriva agora nunha subida masiva de impostos. “A previsión de gastos deste alcalde sempre acaba repercutindo nos petos dos sarriaos. É a súa forma habitual de gobernar, e demostra que non lle importa o custo que a súa incompetencia supón para Sarria”, insistiu Escontrela.

Para o PSdeG, esta situación é “a cara oculta do pacto entre Garrido e o PP”, un acordo que, segundo denuncian, só busca manter ao alcalde no poder e ocultar “anos de descontrol e improvisación”. O grupo socialista anunciou que votará en contra desta suba xeneralizada e advertiu de que seguirá denunciando “cada decisión que castigue á cidadanía e premie a improvisación dun alcalde que fai pagar á veciñanza as consecuencias da súa propia incompetencia”.

⚙ Configurar cookies
0.065191030502319