O PSdeG denuncia o impago das nóminas na residencia de maiores de Sarria por primeira vez na historia do concello

SarriaXa
Os socialistas acusan ao alcalde de mala xestión, falta de planificación e de sinalar ás traballadoras como responsables da situación
Benjamín-Escontrela,-PSOE-Sarria
7 Feb 2026

O PSdeG de Sarria denuncia a situación que atravesan as traballadoras da residencia de maiores Nosa Señora do Carme, onde, por primeira vez na historia do municipio, o persoal quedou sen cobrar a súa nómina. A formación socialista cualifica o ocorrido como unha situación sen precedentes que, ao seu xuízo, pon de manifesto a grave deriva na que o alcalde, Garrido, levou ao Concello de Sarria.

Segundo explican os socialistas, o impago das nóminas é a consecuencia directa de anos de ausencia de planificación, falta de previsión e dunha xestión que consideran absolutamente irresponsable dun servizo público esencial. O voceiro do PSdeG, Benjamín Escontrela, subliña que nunca antes se producira unha situación semellante no municipio e asegura que non se trata dun feito casual. Neste sentido, lembra que o Concello tivo que aprobar un Plan Económico-Financeiro tras incumprir a regra de gasto, como resultado do descontrol e do malgasto acumulado durante anos, e advirte de que agora están a aflorar as consecuencias desa mala xestión mentres o alcalde tenta eludir responsabilidades.

Desde o PSdeG consideran especialmente grave a actitude do rexedor á hora de xustificar a situación, chegando incluso a sinalar as baixas laborais como unha das causas do déficit económico. Os socialistas cualifican de indecente que se pretenda responsabilizar ás traballadoras por atoparse de baixa médica e lembran que no último pleno municipal xa preguntaron polos numerosos expedientes disciplinarios abertos ao persoal do Concello, unha dinámica que, segundo denuncian, está a xerar un clima crecente de rancor e medo na sociedade sarriana. Para a formación, non se pode gobernar mediante expedientes disciplinarios nin xestionar un servizo esencial culpando ao persoal, o que consideran unha mostra clara de incapacidade para dirixir o Concello.

O PSdeG sostén que a situación da residencia de maiores é un reflexo do abandono xeral que sofre o municipio. Segundo indican, Garrido gobernou durante anos sen control e agora, cando aparecen as dificultades económicas, pretende que sexan os traballadores, os residentes e as súas familias quen asuman as consecuencias da súa incompetencia.

A formación socialista rexeita tamén a estratexia do alcalde de responsabilizar á oposición do ocorrido e asegura que nunca existiu unha vontade real de diálogo nin de acadar acordos. Segundo afirman, Garrido nunca se sentou coa oposición para buscar solucións conxuntas e só recorreu a ela cando lle resultou conveniente.

Para o PSdeG de Sarria, a situación actual é insostible e profundamente preocupante, polo que esixen ao alcalde que asuma dunha vez as súas responsabilidades. Benjamín Escontrela conclúe que cando un Concello chega ao punto de non poder pagar as nóminas do seu persoal queda claro que non se trata dun problema puntual, senón dun fracaso absoluto de xestión, e critica que Garrido continúe gobernando a base de escusas, ameazas e culpando a terceiros da súa incompetencia.

⚙ Configurar cookies
0.073840141296387