O PSdeG-PSOE de Láncara renova a súa executiva local cun equipo que mestura experiencia e xuventude

O PSdeG-PSOE de Láncara celebrou a asemblea de renovación da súa comisión executiva local, un encontro no que a militancia respaldou por unanimidade a nova dirección do partido no municipio.
O novo equipo, que mestura traxectorias consolidadas e perfís máis novos, nace co obxectivo de consolidar a acción política e reforzar a presenza socialista en Láncara.
A reunión contou coa participación de militantes da agrupación, así como coa presenza do alcalde Darío Piñeiro e do tenente de alcalde e deputado provincial, Pablo Rivera. Ambos destacaron a importancia da cohesión interna e do papel do partido no impulso das políticas públicas no ámbito local.
Á fronte da nova executiva estará Alba Sangil, actual concelleira de Desenvolvemento Local, Cultura, Deporte, Medio Ambiente, Participación Veciñal e Novas Tecnoloxías, quen asumirá a Secretaría Xeral. Acompañarana Juan José Díaz Gómez, concelleiro de Réxime Interior e Facenda Local, que continuará como secretario de Organización achegando a súa ampla experiencia institucional, e José Manuel García Aldegunde, concelleiro de Medio Rural, Servizos Públicos Básicos e Mobilidade, que asumirá a Secretaría de Política Municipal.
A nova dirección marcará unha folla de ruta centrada en intensificar a actividade política desde o goberno municipal e fortalecer o contacto coa cidadanía. O alcalde Darío Piñeiro puxo en valor “o importante papel que o partido desempeña no impulso de políticas transformadoras e no desenvolvemento do municipio”, sinalando que a nova executiva representa “ilusión, compromiso e responsabilidade”.
A agrupación socialista de Láncara continúa tamén a súa expansión, prevendo a incorporación de cinco novas persoas militantes nas próximas semanas, o que permitirá acadar arredor de 30 membros, unha cifra que consideran histórica e que reflicte a confianza que a veciñanza deposita no proxecto socialista.
Desde o PSdeG-PSOE de Láncara afrontan esta nova etapa con entusiasmo, conscientes do reto que implica manter e mellorar a calidade de vida da veciñanza, consolidando o municipio como un referente en políticas públicas útiles e transformadoras.