O PSdeG-PSOE segue a criticar o pacto de Claudio Garrido co PP en Sarria

SarriaXa
Os socialistas cualifican o acordo de manobra de supervivencia persoal e destacan o investimento da Deputación no municipio
PSOE-Sarria
4 Oct 2025

O PSdeG-PSOE de Sarria volveu pronunciarse sobre a situación política no municipio tras o pacto alcanzado entre o alcalde Claudio Garrido e o Partido Popular, que consideran unha mostra máis de cinismo político e falta de coherencia. Para os socialistas, trátase dunha manobra de supervivencia que responde unicamente á ambición persoal dun rexedor marcado polo resentimento e a soberbia, e non dun acordo pensado para impulsar o progreso da vila.

Segundo a agrupación, Garrido creou Camiña Sarria unicamente co obxectivo de manter a Alcaldía tras non lograr o apoio socialista, e utilizou esa plataforma para dividir á veciñanza en lugar de construír futuro. Critican que esgotara os remanentes de tesourería herdados de gobernos anteriores e que agora recoñeza que Camiña Sarria non resulta útil, algo que, din, revela un cinismo absoluto.

Advirten tamén de que o pacto co PP inclúe “letra pequena”, xa que o alcalde tentará presentar como propios proxectos xa aprobados ou con financiamento garantido, así como actuacións dependentes doutras administracións. A este respecto, os socialistas consideran incomprensible que o PP empregue este acordo como escusa para anunciar investimentos, cando a Xunta podería facelo directamente.

O PSdeG defendeu o compromiso real e continuado da Deputación de Lugo con Sarria, lembrando que desde 2019 se destinaron máis de 6,5 millóns de euros ao municipio en proxectos de mellora de estradas, conservación de vías, convenios de colaboración, o Plan Deputación e diferentes subvencións. Entre as actuacións máis recentes destacan a rehabilitación do firme en Barbadelo, a renovación de accesos en Ferreiros e Tremeado, a compra de material de fisioterapia para a residencia Nosa Señora do Carme ou a achega de 150.000 euros para a Ponte Ribeira.

Os socialistas conclúen que boa parte das quince medidas anunciadas no pacto carecen de novidade real e insisten en que Sarria merece un goberno serio, responsable e comprometido coa veciñanza, e non un alcalde que se “vende ao mellor postor” para manterse no poder.

⚙ Configurar cookies
0.1237850189209