O PSOE celebra este sábado en Lugo o seu quinto congreso provincial

O PSdeG-PSOE na provincia de Lugo celebra este sábado, 10 de maio, o seu 5º Congreso Provincial, unha cita clave para renovar os órganos de dirección do partido e consolidar un proxecto político cohesionado de cara aos vindeiros retos electorais.
Baixo o lema “Lugo, construíndo futuro”, o Congreso reunirá no Hotel Torre de Núñez a representantes da militancia socialista e de múltiples sectores da sociedade lucense. Participarán entidades do ámbito social e asociativo, como AMEIS, FADEMUR, Cruz Vermella, FUDACE, ASORLU e a Federación de Asociacións Veciñais. Tamén acudirán representantes do ámbito educativo, como a UNED; do ámbito sindical, como UGT; da patronal, como a CEL, a APEHL e a Federación de Comercio; e do sector agrario, como Unións Agrarias.
Durante a xornada terá lugar a proclamación oficial de José Tomé Roca como Secretario Xeral Provincial, así como a elección da nova Comisión Executiva Provincial, da Comisión Provincial de Ética e dos membros dos Comités Provincial e Federal.
“Estou moi agradecido ás mulleres e homes militantes que me deron o seu apoio. Este será un Congreso de cambios. A nova Executiva terá un número máis reducido de integrantes, o que permitirá unha mellor coordinación e maior operatividade”, sinalou José Tomé. “Trátase dunha renovación necesaria, que permitirá conformar un equipo plural e representativo, no que estarán presentes todas as comarcas da provincia: desde a Chaira ata a Mariña, a Montaña ou a Ribeira Sacra”.
O Secretario Xeral destacou que se trata dunha renovación que vai máis alá dos nomes. “Sempre hai quen pensa que renovar é cambiar nomes, pero a renovación real é a que transmite unha mensaxe á sociedade”, engadiu. “Queremos que os cidadáns vexan no PSdeG-PSOE un partido útil, con propostas realistas e centrado en mellorar a vida da xente. E iso tamén se constrúe desde dentro, actualizando os equipos e escoitando á militancia.”
“Recollimos moitas ideas e achegas durante as visitas ás agrupacións. Todo iso debe verse reflectido no traballo que facemos a partir de agora. Porque dentro de dous anos volveremos someternos ao exame dos cidadáns, e temos que estar á altura: nos concellos onde xa gobernamos e noutros onde aspiramos a facelo”, concluíu.
Unha vez proclamado Tomé, o Congreso continuará a porta pechada, con traballo interno nas comisións e debate das emendas. Estas abordarán temas de organización, acción política e propostas de resolución para o futuro do partido na provincia.
Desde a dirección provincial do PSdeG-PSOE destacan a importancia deste encontro como “un paso máis para reforzar a unidade, actualizar o proxecto socialista e seguir gobernando onde xa o facemos e onde aínda non chegamos, pero chegaremos”.
A xornada pecharase co acto de clausura, previsto para as 14:00 h, ao que están convidados os medios de comunicación, e no que intervirán Enma López, José Ramón Gómez Besteiro e José Tomé Roca.
Tamén participarán destacados cargos do partido, como o Secretario de Organización do PSOE Federal, Santos Cerdán; o Secretario Xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro; a Secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez; o Xerente do PSdeG, Luis Ángel Lago; o membro da Comisión Executiva Federal, César Mogo; o Secretario Xeral de XSG, Xurxo Doval; a Secretaria Xeral Provincial de XSG, Eva Blanco; os Secretarios Xerais Provinciais da Coruña, Ourense e Pontevedra: Bernardo Fernández, Álvaro Vila e David Regades; e o Presidente da Comisión de Ética o PSdeG, Luis Álvarez.
A cita contará tamén coa presenza de cargos institucionais como o Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez; a Deputada no Congreso, Patricia Otero; e o alcalde de Lugo, Miguel Fernández.