O PSOE critica a visita dos populares a Láncara e lembran as necesidades do Concello coas que "non se compromete a Xunta"

SarriaXa
O alcalde de Láncara, Darío Piñeiro, tras ver que representantes do Partido Popular se achegaron ata a variante do tren da Pobra de San Xiao, en Láncaran para criticar ao Goberno central, sostivo que “é unha tomadura de pelo, porque cando fai falta que estean aquí non vén ninguén, como nos pasou coa construción dunha glorieta na Pobra para enlazar a rúa Benigno Quiroga coa estrada LU-546.
Alcalde Lancara, Jose Tome
4 Oct 2023

O alcalde de Láncara, Darío Piñeiro, tras ver que representantes do Partido Popular se achegaron ata a variante do tren da Pobra de San Xiao, en Láncaran para criticar ao Goberno central, sostivo que “é unha tomadura de pelo, porque cando fai falta que estean aquí non vén ninguén, como nos pasou coa construción dunha glorieta na Pobra para enlazar a rúa Benigno Quiroga coa estrada LU-546. Tiñamos a palabra da Xunta para colaborar con esta actuación, pero non cumpriron a súa promesa”.

Así, explica que a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, "prometeu pero non deu nada”, afirma, ao tempo que lembra que foron numerosas as veces que dende a Alcaldía do Concello de Láncara se solicitaron reunións para abordar esta cuestión sen éxito. Finalmente, tivo que ser o Concello o que financiase o proxecto, ante a ausencia da Xunta de Galicia. “Non puxeron nin un euro para as obras e veñen agora sacar peito...pero de que? Da nula colaboración que ten a Xunta con esta provincia?".

Por todo isto, os socialistas da provincia de Lugo pídenlle ao Partido Popular que se “deixe de rir da veciñanza de Láncara e do resto da provincia de Lugo”, e esíxenlle que, “en vez de facer visitas ridículas a lugares onde a Xunta non fai máis que actuar de costas ao alcalde e aos veciños, se poña a traballar de maneira seria e rigorosa”.

Necesidades de Láncara

As necesidades máis urxentes en Láncara, segundo o alcalde, "son claras e non están gastando esforzos en atallalas". Así, reivindican desde o Concello "a falta de médicos no Centro de Saúde e o problema que temos co transporte público, que é insuficiente e chega a ser moi perigoso ao ir a xente para Lugo de pé e sentada nas escaleiras”, argumenta o rexedor lancarés.

Os socialistas alertan de que no Centro de Saúde de Láncara, situado na Pobra de San Xiao, agora mesmo atenden tres facultativos e dous deles teñen 67 e 68 anos, mentres que o terceiro acaba de xubilarse. “Contar cun facultativo menos supón un gran paso atrás para Láncara. Non cubrir a praza implica que os médicos que quedan no centro de saúde aumentan a carga asistencial en máis do 50% cada un, ao ter que repartirse as 1.000 cartillas que xestiona o doutor xubilado”, denuncian os socialistas, que engaden que todo isto “repercute innegablemente na calidade asistencial do servizo, a pesar de toda a vontade que lle poidan poñer os dous profesionais que quedan no centro”.

Por outra parte, o PSOE pon o foco na realidade social de Láncara, cun alto grao de envellecemento e cunha gran dispersión xeográfica. Non entenden o silencio da Consellería de Sanidade e lembran que dous dos concelleiros do propio PP en Láncara votaron en Pleno esixir á Xunta que cubra esta vacante.

Ademais, amósanse preocupados e xa denunciaron en varias ocasións os graves problemas que están a ter os usuarios e usuarias da liña de autobús que cobre o traxecto entre Lugo e Monforte de Lemos, saturado desde que comezou o curso escolar, e que a Xunta sigue sen correxir. Os socialistas demándanlle que reforce o servizo. "Esta liña é moi empregada por rapaces e rapazas de Láncara, O Páramo, Sarria ou o Corgo para ir a cursar os seus estudos de bacharelato ou FP á capital da provincia ante a falta de alternativas nos seus municipios", engaden.

En definitiva, sosteñen os socialistas, “veñen facerse fotos, pero nunca traen investimentos. Veñen facer visitas, balances, fotos, máis fotos, pero non traen nunca investimentos nin compromisos reais para mellorar a vida dos veciños e veciñas da provincia de Lugo”, alertan dende o PSdeG.

0.15845108032227