O PSOE critica o cambio nos horarios de apertura da piscina climatizada de Sarria
O Grupo Municipal do PSOE de Sarria critica o cambio dos horarios da piscina cuberta de Sarria por facelo “sen previo aviso”, explican. Durante o ano, a piscina climatizada do municipio abríase polas tardes ás 16.00 horas, porén, neste mes de xullo, o horario atrasouse ata as 19.00 horas.
Desta maneira, os socialistas din que sete usuarios acudiron á hora habitual de apertura das piscinas, ás 16.00 horas, e non puideron entrar porque o horario cambiara “sen informar á xente”, un cambio que afectou tanto ás persoas que ían nadar como ás que querían usar o ximnasio.
Por isto, o portavoz socialista en Sarria, Benjamín Escontrela, denuncia a “desorganización” na xestión das piscinas así como tamén lembra que non se buscou substituta para a profesora de pilates. Ademais, para rematar, aos socialistas tampouco lles parece ben a modificación nas condicións do bono de entrada ás piscinas, que permiten usar á vez a piscina climatizada e a exterior, algo que non será posible en verán.