O PSOE critica o veto do PP ás medidas propostas para o sector gandeiro de carne

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Martín Seco denuncia que a “pasividade” da Xunta pon en risco de peche ás explotacións galegas e reclama recuperar axudas.
vacas gando animais gandeiria
6 Nov 2021

O portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Martín Seco, lamentou o veto do PP á proposición non de Lei que presentou hoxe na Comisión de Agricultura cunha batería e medidas dirixidas aos gobernos central e autonómico co obxectivo de “salvar ao sector da carne”. Seco lamentou a “obsesión” do PP de sinalar ao goberno de Sánchez para eludir as súas propias responsabilidades ata o punto de rexeitar unha serie de propostas para apoiar ao sector.

A proposta presentada hoxe incluía reclamarlle á Xunta que recupere as axudas directas para o sector da carne e que poña en marcha un observatorio de prezos “para poder estabilizar os mercados e a administración debe velar polo cumprimento de contratos e os prezos aprobados na mesa de negociación”.

O parlamentario socialista deu a voz de alarma pola situación dun sector gravemente afectado pola crise da covid, que pechou canles de distribución como os mercados locais e feiras, unido á caída do consumo de carne polos peches nos restaurantes, a caída do turismo e os cambios nos hábitos de consumo. A día de hoxe os gandeiros están a producir a perdas enfrontados a “un contexto totalmente insoportable e inviable para as ganderías tradicionais”.

Denunciou que “a pasividade do goberno galego pode acabar co peche de moitas explotacións, ao negarse a poñer tódolos recursos necesarios e dispoñibles enriba da mesa para salvar a un sector estratéxico da Galicia”. O sector da gandería está composto por 22.000 explotacións, das cales 11.000 son profesionais, con arredor de 200.000 reses, e dan traballo a 20.000 persoas en Galicia entre produtores, matadoiros, salas de despece ou veterinarios.

Nos últimos 17 anos, o prezo que os gandeiros perciben pola carne que producen aumentou un 12 por cento, mentres o IPC aumentou un 33 por cento e os custes de produción un 38 por cento. Isto supón que, segundo un estudo de Unións Agrarias, producir un quilo de carne custa en torno a 5,5 euros por quilo canal, mentres as liquidacións “en ningún caso superan os 4,8 euros”, e a caída de ingresos do sector ascende aos 18 millóns de euros dende o inicio da pandemia.

Reclamoulle por iso ao goberno galego que reactive a liña de axudas da covid, que era “insuficiente pero necesaria”, ademais de complementar as “insuficientes axudas directas” que permitiu Europa e que deixou a medias. O goberno galego só empregou 7 dos 24 millóns de euros habilitados, que ademais podería complementar con fondos propios, e reivindicou a aposta “por unha gandería extensiva de calidade, incentivar a investigación e a produción con valor engadido”.

Sinalou ademais que “a Xunta de Galicia e o Ministerio deben velar e poñer instrumentos para facer efectivo o cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria” para “garantir a supervivencia dos nosos gandeiros, que están a cobrar por debaixo dos custes de produción”.

Medidas de urxencia

A situación estrema do sector require medidas de urxencia, como a convocatoria urxente dunha liña de axudas excepcional para a continuidade do sector, incrementar a porcentaxe da subvención para a contratación de seguros agrarios, un plan específico de dimensionamento das explotacións, unha lonxa de gando dixital.

Ademais, reclámalle á Consellería de Medio Ambiente que controle a poboación de fauna salvaxe poñendo en marcha un plan de xestión do xabaril e un novo plan de xestión do lobo, ademais de axudas de prevención e indemnización de danos pola dita fauna salvaxe. Tamén lle reclama ao Ministerio de Agricultura que adopte medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria, a revisión do decreto ordenación das granxas bovinas, ou incrementar as subvencións aos seguros agrarios.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17356204986572