O PSOE de O Incio denuncia que o servizo de pediatría en Sarria precisa un reforzo
O grupo municipal PSOE de O Incio presentou no último pleno unha moción de urxencia para solicitar o reforzo no servizo de pediatría do centro de saúde de Sarria.
Os socialistas, demandan á consellería de Sanidade que se garanta este posto que da servizo aos nenos e nenas da vila de Sarria pero tamén aos doutros municipios como é o caso de O Incio. Denuncian que, ante a falta de especialistas, os menores son a miúdo atendidos por un médico de familia ou directamente derivados ao hospital de Lugo.
Os solialistas tamén solicitan ao goberno local que se estude a posibilidade de subministrar auga municipal ás explotacións gandeiras dos veciños que, debido ás altas temperaturas das últimas semanas, poden ter que afrontar situacións nas que non dispoñan de auga nos pozos.
A maiores, tamén fan fincapé no mal estado da estrada municipal que vai dende o núcleo de Castillón ata o de Reboiro, pedindo ao goberno que se arranxen as fochancas do trazado coa maior brevidade posible.
O grupo socialista solicitou tamén información sobre o estado de tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), da segunda brigada contra os incendios, da solicitude de axudas aos Plans de Recuperación, Transformacións e Resilencia (PRTR), e do lavado dos contedores de lixo do concello.