O PSOE de Sarria denuncia a localización de contedores no centro e o abandono da Ponte da Áspera

O PSdeG-PSOE de Sarria advertiu de dúas problemáticas que, ao seu xuízo, deterioran a imaxe da vila, reducen a comodidade dos veciños e poñen en risco o patrimonio histórico: a instalación de seis contedores de lixo agrupados no centro urbano, a poucos metros das terrazas de bares e restaurantes, e o avanzado estado de abandono da Ponte da Áspera, símbolo do Camiño de Santiago no seu paso polo municipio.
O voceiro socialista, Benjamín Escontrela, cualificou ambas situacións como “un exemplo máis da deixadez e da falta de sensibilidade do alcalde, que prexudica por igual á veciñanza e aos visitantes”. Explicou que a colocación recente dos colectores “provoca un forte impacto visual, malos cheiros e unha convivencia forzada entre zonas de lecer e puntos de recollida de residuos”. Engadiu que nesta mesma contorna existe un panel informativo “ilexible” que “non cumpre nin sequera a súa función básica, que é informar”.
Segundo Escontrela, “non se entende que, contando con espazo suficiente, o Concello decida concentrar os contedores no corazón da vila. É unha mostra de improvisación e unha falta de respecto no uso do espazo público”. Por este motivo, o PSdeG esixe a reubicación inmediata dos colectores, unha limpeza máis exhaustiva da zona e a reparación do panel informativo.
No ámbito patrimonial, o portavoz alertou da degradación da Ponte da Áspera, unha construción de orixe medieval con tres arcos románicos que conecta a etapa do Camiño Francés entre Sarria e Portomarín. Este paso sobre o río Celeiro, destacou, “presenta danos evidentes na súa calzada e contorna que poñen en risco a seguridade de veciños e peregrinos e prexudican a imaxe cultural de Sarria”.
O socialista cualificou a situación de “vergoñenta” e lembrou que no último pleno municipal xa se preguntou ao alcalde polas medidas previstas, obtendo como resposta que “a responsabilidade era da Xunta e de Patrimonio”. Para o PSdeG, “isto non exime ao Concello da obriga de actuar e de liderar as xestións necesarias para protexer un ben de tanto valor histórico e turístico”.
“O alcalde debe reclamar á Xunta e a Patrimonio unha intervención inmediata. A Ponte da Áspera non pode seguir deteriorándose, porque é parte da nosa historia e unha porta de entrada para milleiros de visitantes cada ano”, subliñou Escontrela. O grupo socialista demanda que o goberno local actúe “con urxencia e responsabilidade” para resolver ambas cuestións, que “danan a imaxe da vila, incomodan á cidadanía e menosprezan o noso patrimonio”.