O PSOE de Sarria denuncia o peche do matadoiro municipal e reclama transparencia ao alcalde

SarriaXa
Os socialistas critican o silencio do goberno local, advirten do impacto económico e esixen explicacións urxentes sobre a situación da infraestrutura
PSOE-SARRIA
4 Aug 2025

O PSdeG-PSOE de Sarria vén de denunciar o peche sen explicacións do matadoiro municipal, unha instalación clave para a economía local, e acusa ao alcalde, Claudio Garrido, de manter un “mutismo absoluto” sobre esta cuestión. A formación socialista esixe información inmediata e clara sobre os motivos do peche e reclama transparencia por parte do executivo local.

Segundo explica o voceiro socialista, Benjamín Escontrela, a única certeza que teñen é que a infraestrutura permanece clausurada, sen que se comunicase oficialmente o motivo, nin en sesión plenaria nin por ningún outro medio institucional. “Se se pecha unha instalación pública, o mínimo é dar a cara e explicarllo á cidadanía. Esa é a obriga do alcalde”, sinala Escontrela, quen lamenta que se desaproveitase o último pleno para dar conta da situación diante dos representantes de toda a veciñanza.

Dende o PSdeG aseguran que só circulan rumores e especulacións, como unha posible avaría na caldeira —“a mesma escusa que xa se utilizou no pasado”— ou unha suposta baixa do persoal por vacacións. “Pero nada diso foi confirmado oficialmente. A xestión municipal non pode basearse en comentarios de corredor. Reclamamos responsabilidade institucional e un mínimo de cortesía democrática”, denuncia o portavoz.

O grupo socialista alerta tamén das consecuencias económicas e sociais que supón o peche do matadoiro, especialmente nestes meses de verán, nos que a poboación de Sarria se multiplica pola chegada masiva de visitantes. Segundo Escontrela, esta situación está a afectar directamente aos gandeiros e carniceiros locais, así como ao funcionamento do sector primario da comarca.

A preocupación do PSOE vese agravada pola incerteza arredor das xestións iniciadas coa Consellería do Medio Rural, que en novembro anunciara unha reunión co Concello para estudar un posible apoio económico ao servizo. “Sabemos que o goberno local enviou recentemente a documentación, pero descoñecemos en que fase está a tramitación nin cal é o plan de futuro para a instalación”, apuntan.

A formación insiste en que o matadoiro debe seguir sendo público e advirte que, de persistir o silencio institucional, iniciarán todas as accións necesarias para lograr a súa reapertura. “Xa estamos a manter conversas co BNG e co PP para forzar a convocatoria dun pleno extraordinario que obrigue ao alcalde a dar explicacións públicas”, conclúe Escontrela.

⚙ Configurar cookies
0.15175604820251