O PSOE de Sarria mobilizouse contra a suba de taxas e o BNG protagonizou unha reunión

A tarde do martes 21 de outubro estivo marcada en Sarria por dúas citas políticas contrapostas en torno á polémica suba de taxas e impostos impulsada polo goberno municipal. O PSOE convocou unha concentración cidadá na Praza da Vila para amosar o seu rexeitamento ao incremento do IBI, da taxa de lixo e do imposto de vehículos, mentres que o BNG celebrou unha hora despois unha reunión informativa na que defendeu un plan económico alternativo.
Desde o PSOE de Sarria explicaron que a convocatoria tiña como obxectivo denunciar o que consideran unha “suba desmesurada” que castiga ás familias por unha “xestión marcada polo despilfarro e a falta de control”. Os socialistas sosteñen que as políticas fiscais deben ser “xustas, proporcionadas e pensadas para as persoas, non para tapar erros do Concello”, e comprométense a seguir defendendo “unha Sarria máis xusta, onde os veciños non paguen os desaxustes doutros”.
Pola súa banda, o BNG de Sarria, a través do seu portavoz Efrén Castro, reuniu tamén aos veciños para explicar o plan económico financeiro municipal. Castro sinalou que o Concello “gastou máis do que ingresou”, e que a Lei de estabilidade financeira obriga a facer axustes, pero “non a subir impostos”, criticando a proposta do alcalde, Claudio Garrido, por “incrementar as taxas e aplicar recortes moi graves”.
As dúas citas tiveron lugar na véspera do pleno extraordinario que se celebra hoxe ás 13.00 horas, no que os grupos con representación municipal debaterán a proposta de incremento das taxas e impostos que o executivo local pretende aprobar.