O PSOE de Sarria reclama a devolución inmediata dos cobros indebidos do “catastrazo”

O Grupo Municipal Socialista de Sarria levará ao Pleno do 31 de xullo unha moción para que a Corporación inste á Dirección Xeral do Catastro a non recorrer a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que anulou o coñecido como “catastrazo” e, ao tempo, se inicie de inmediato o proceso de devolución das cantidades cobradas indebidamente a centos de veciños e veciñas do municipio.
A proposta chega días despois de facerse pública a estimación das tres demandas colectivas impulsadas pola Plataforma de Afectados polo IBI, unha entidade que durante case tres anos liderou a resposta social fronte á reclasificación masiva de parcelas como solo urbano, coa conseguinte suba do imposto da contribución. O TSXG declarou nulo o procedemento, ao considerar que se fixo sen garantías e fóra da legalidade.
Desde as filas socialistas lembran que esta loita veciñal foi impulsada polo actual voceiro do PSOE, Benjamín Escontrela, quen denuncia que o alcalde, Claudio Garrido, "desentendeuse por completo do problema" desde o primeiro momento. “A pesar das advertencias xa en 2019 e das primeiras sentenzas favorables en outros concellos, decidiu mirar para outro lado, ignorar os acordos aprobados no Pleno de Sarria e mesmo desacreditar publicamente a quen só reclamaba xustiza”, sinala Escontrela.
A mobilización cidadá contou co apoio da Deputación e acabou logrando unha resolución histórica do TSXG, que ademais de estimar as demandas, marca un precedente xurídico de enorme valor ao tratarse dunha das primeiras sentenzas favorables a accións colectivas en materia catastral.
Para Escontrela, “agora é o momento de pasar das palabras aos feitos”. O socialista entende que o Concello “ten a obriga moral e política de poñerse ao lado da veciñanza e garantir que se devolva ata o último euro cobrado de maneira inxusta”. Por iso, a moción non só pide respectar a sentenza e non recorrer, senón tamén dar a máxima difusión pública á resolución para que todas as persoas afectadas poidan reclamar os seus dereitos.
Desde o PSdeG subliñan que este fallo do TSXG “non só desmonta o catastrazo, senón que supón un recoñecemento claro do abuso sufrido por moitos fogares de Sarria”. Escontrela engade que “a actitude do alcalde foi lamentable, entorpecendo o traballo da plataforma, desacreditando veciños e incumprindo os acordos plenarios. Agora non lle queda outra que rectificar e asumir responsabilidades”.
A moción debaterase mañá no salón de plenos municipal e será unha nova oportunidade para que o goberno local rectifique o rumbo e poña fin a un episodio que xerou un forte malestar na veciñanza.