O PSOE de Triacastela denuncia a forma de actuar do Goberno municipal con respecto aos orzamentos

SarriaXa
Os socialistas de Triacastela denuncian que, dende que Olga Iglesias é alcaldesa, o Concello “nunca tivo orzamentos en tempo e forma”, o que provoca “graves consecuencias para os veciños e veciñas”, que perden fondos e oportunidades, pois o presuposto “é o instrumento investidor fundamental para manter e crear servizos, e para sacar adiante obras”.
PSOE Triacastela
28 Dec 2023

Os socialistas de Triacastela denuncian que, dende que Olga Iglesias é alcaldesa, o Concello “nunca tivo orzamentos en tempo e forma”, o que provoca “graves consecuencias para os veciños e veciñas”, que perden fondos e oportunidades, pois o presuposto “é o instrumento investidor fundamental para manter e crear servizos, e para sacar adiante obras”.

Así o denuncia o voceiro municipal do PSdeG, Miguel Ángel Fernández, que subliña que a rexedora do PP, que tamén é xefa territorial de Medio Rural da Xunta de Galicia, leva 12 anos á fronte do Goberno local “saltándose todos os procedementos” que regulan a aprobación dos presupostos, das liquidacións e da Conta Xeral, facendo deste xeito unha “xestión neglixente e caótica” dos cartos públicos, “que son de toda a veciñanza”.

A só tres días de rematar o ano, a alcaldesa leva a pleno o orzamento do presente exercicio e os socialistas votarán en contra “por estar fóra de prazo e non ter ningún sentido". Ademais, din que "parece unha inocentada hoxe que estamos no Día dos Inocentes, que podería ata ser simpática, se non fose polas graves consecuencias que pode chegar a ter, senón as está tendo xa, para os veciños de Triacastela”.

Esixencias e queixas do PSOE

Na mesma sesión plenaria desta tarde, o voceiro socialista esixirá tamén que “á maior brevidade posible, no mes de xaneiro, presente para a aprobación inicial o orzamento do exercicio 2024, e empezar así a enderezar o rumbo económico do Concello", xa que iría fóra de prazo, "pero entenderíamos como a vontade de corrixir os incumprimentos do procedemento que vimos sufrindo”.

O PSdeG tamén reclamará que, antes do 15 de outubro, a alcaldesa presente o presuposto do 2025 para que poida ser aprobado definitivamente antes do 31 de decembro de 2024, tal e como marca a lexislación vixente.

Por outra parte, os socialistas denuncian que, ademais de levar sempre os orzamentos a pleno fóra de prazo, a alcaldesa do PP “incumpre tamén o procedemento” porque non os publica no Boletín Oficial da Provincia para a súa exposición pública e que os veciños poidan presentar alegacións durante un período de 15 días.

“Nos últimos dez anos, só aparecen publicados no BOP os Orzamentos de 2018 (publicado o 15 de xuño de 2019) e de 2021 (publicado o 22 de marzo de 2022)”, explicou o voceiro dos socialistas no Concello de Triacastela.

Tamén denuncian que a rexedora "vulnera o establecido para a aprobación das liquidacións dos propios presupostos, pois deben ser aprobadas por decreto de Alcaldía antes do 31 de marzo do ano posterior, e logo comunicarse no seguinte pleno, pero non sabemos nada”. Así mesmo, a Conta Xeral “deber ser aprobada en Pleno antes do 1 de xuño do ano seguinte ao do exercizo e debe ser informada pola Comisión de Contas, unha tramitación que a alcaldesa incumpre", conclúen os socialistas.

0.16087293624878