O PSOE de Triacastela denuncia ante a Valedora do Pobo a falta de plenos ordinarios no Concello
O Grupo Municipal Socialista de Triacastela presentou unha queixa formal ante a Valedora do Pobo pola reiterada ausencia de convocatoria de plenos ordinarios no Concello de Triacastela.
O voceiro socialista, Miguel Ángel Fernández, criticou duramente esta situación, cualificándoa como unha vulneración dos principios básicos de participación e transparencia democrática. Segundo Fernández, trátase dun exemplo máis da "opacidade coa que a alcaldesa xestiona o Concello".
“É inaceptable que os veciños e veciñas de Triacastela queden á marxe das decisións que afectan ao seu día a día pola falta de convocatoria de plenos, que son o foro principal para a rendición de contas e o debate político”, afirmou o portavoz socialista.
Tamén destacou que a celebración dos plenos está sendo arbitraria: “Temos plenos cando ela considera. Tivemos un en novembro que tería que celebrarse en outubro e tampouco houbo pleno en agosto. Non se están seguindo os procedementos aprobados no pleno de organización. A actitude da alcaldesa non é seria nin transparente”.
Desde o PSOE consideran que esta falta de convocatorias responde a un intento deliberado de silenciar á oposición e limitar o acceso da cidadanía á información pública. Ademais, insisten en que este proceder incumpre a obrigatoriedade legal de convocar plenos ordinarios de forma regular, como establece a normativa vixente.
Ao presentar esta queixa ante a Valedora do Pobo, o PSOE busca defender o dereito da veciñanza a unha administración transparente e participativa. “Queremos garantir que o goberno local cumpra coa súa obriga de rendición de contas”, sinalaron desde o grupo socialista.
Finalmente, Fernández asegurou que seguirán atentos e traballando para que Triacastela recupere os valores de democracia, transparencia e proximidade que, segundo os socialistas, merecen os seus veciños e veciñas.