O PSOE de Triacastela lamenta a marcha de Metal Power por falta de solo industrial

O PSdeG-PSOE de Triacastela lamenta que a empresa Metal Power se vexa obrigada a abandonar o municipio por non poder construír unha nave industrial axeitada á súa actividade, despois de doce anos de "promesas incumpridas" por parte da alcaldesa.
O voceiro socialista, Miguel Ángel Fernández, subliña que se trata dunha empresa familiar que emprega preto de vinte traballadores e que representa a principal fonte de emprego privado en Triacastela.
Segundo explica, as actuais instalacións, un pequeno taller familiar, resultan insuficientes, obrigando a organizar o traballo por quendas. Por iso, levan anos solicitando solo industrial para construír unha nave de maiores dimensións, pero, segundo denuncian, o goberno local non ofreceu ata o momento ningunha solución.
Os socialistas engaden que, tras agardar máis dunha década pola creación dun polígono industrial e ante a falta de compromiso da alcaldesa, Metal Power viuse finalmente obrigada a marchar a outro concello, onde xa adquiriron varias parcelas para garantir a súa viabilidade e o seu crecemento.
Desde o PSdeG local critican con dureza o proceder do grupo de goberno municipal, afirmando que forzaron á empresa a marchar de Triacastela por non poder desenvolver axeitadamente a súa actividade. Tamén destacan que a situación supón un incumprimento das promesas feitas ao empresario, recollidas mesmo no programa electoral da alcaldesa.
CONTESTACIÓN DESDE O GOBERNO LOCAL
O Goberno local de Triacastela, pola súa parte, di lamentar profundamente a decisión da empresa de abandonar Triacastela e asegura que se están a facer, desde hai tempo, as xestións oportunas para conseguir solo industrial para o municipio.
Ademais, precisa que a consecución da ampliación do polígono industrial depende de informes doutras administracións, o que polo de agora impide á administración local poder avanzar neste propósito.
Finalmente, desde o Goberno local din que esperan que "remate canto antes este proceso burocrático para ofrecer a esta e outras empresas o seu asentamento en Triacastela".