O PSOE de Triacastela presentou a súa candidatura para acadar á Alcaldía e así "reivindicar A Montaña como lugar único"
Os socialistas de Triacastela celebraron o seu acto de presentación da candidatura para as vindeiras eleccións no local público Fonte do Lunar, que encabeza o ex alcalde Miguel Ángel Fernández.
Un encontro no que participaron o voceiro do PSdeG no Parlamento de Galicia, Luis Álvarez, e a deputada no Congreso, Ana Prieto, xunto a militantes, simpatizantes, e veciños e veciñas do municipio.
Luis Álvarez explicou que Miguel Ángel Fernández “é un gran coñecedor de Triacastela e da súa comarca, algo que o converte no candidato idóneo para acadar a Alcaldía”.
Incidiu en que, pola súa profesión de veterinario, “coñece o concello palmo a palmo e, o máis importante, sabe das necesidades da veciñanza e como aproveitar as oportunidades do municipio para crear riqueza e emprego”. Ademais, faino ao fronte dun equipo preparado “para impulsar o proxecto político progresista que tanto necesita Triacastela”.
“Formades a mellor candidatura para este pobo. Un grupo unido, con ilusión, con compromiso e cunhas ganas enormes de traballar pola veciñanza do voso concello”, remarcou.
Pola súa parte, Miguel Ángel Fernández López explicou que queren traballar para "acadar investimentos e mellorar as nosas dotacións públicas. É fundamental analizar as prioridades do noso concello, para poder dar os servicios que merece a nosa veciñanza”, declarou.
Propostas
O candidato socialista avanzou que o programa electoral do PSdeG inclúe entre as súas propostas “a construción dun Centro de Día, o saneamento nas parroquias e a mellora das vías de titularidade municipal”, ademais de “poñer ao día as contas do Concello”.
Ademais, Fernández López comprométese a aprobar o orzamento municipal se acada a Alcaldía, “e gobernar con transparencia e eficacia”.
O candidato do PSdeG en Triacastela subliña que está acompañado nesta cita electoral “dun equipo de veciños e veciñas dispostos a traballar e colaborar para reivindicar A Montaña como un territorio cun sinal de identidade único, do que sentirnos moi orgullosos, e ao mesmo tempo, un lugar no que poidamos realizar o noso proxecto de vida”.
A lista da candidatura está formada por sete persoas, liderados por Miguel Ángel Fernández López e que lle seguen Mónica Fernández Díaz, Óscar Lago Gancedo, Fernando Cela Castro, Yanira López Cela, Manuel Gayo Celeiro e Jose López López.