O PSOE do Incio pedirá á Xunta que se estenda ao municipio o servizo de hospitalización a domicilio
O Partido Socialista do Incio pedirán no próximo pleno que o Sergas estenda a hospitalización a domicilio (HADO) ao Concello do Incio.
HADO presta asistencia a pacientes que, polas súas características ou doenzas que padecen e o estado avanzado da súa enfermidade, necesitarían ingreso hospitalario pero prefiren permanecer no seu domicilio onde os profesionais subministran os mesmos coidados e atencións que nun ingreso hospitalario convencional.
O ingreso HADO supón un aforro dos custos sanitarios e uns coidados máis personalizados e individualizados para o paciente, xa que reciben a mesma atención que nun hospital, pero sen saír da súa casa, mellorando a súa calidade de vida.
Porén, os veciños do Incio non teñen acceso a esta prestación asistencial, o que para o PSOE do Incio é "unha clara discriminación en relación con outros veciños de concellos limítrofes que si dispoñen desta prestación, como en Sarria, Paradela ou a Pobra do Brollón".
Así, din que a Xunta de Galicia "trata os veciños en primeira e segunda categoría", polo que presentarán no próximo pleno unha moción para instar ao Sergas a que estenda o servizo ao municipio.