O PSOE do Páramo denuncia o oportunismo político do Goberno local polo miradoiro do Rego de Abeledo

SarriaXa
A Deputación subvencionou o proxecto, promovido pola Comunidade de Montes, sen participación do Concello
Miradoiro-do-Rego-de-Abeledo-O-Páramo
18 Jul 2025

O PSOE do Páramo criticou que o goberno municipal tentara atribuírse o mérito do novo miradoiro do Rego de Abeledo, unha infraestrutura financiada e promovida exclusivamente pola Comunidade de Montes do Faro Friolfe grazas a unha axuda directa da Deputación de Lugo de 6.000 euros. Desde o partido socialista lembran que o Concello non estivo involucrado na tramitación nin destinou recursos propios para a súa execución.

Os socialistas sinalan que esta percepción errónea agrávase pola presenza de Ana Castaño, concelleira do goberno local e presidenta da Comunidade de Montes, como voceira na presentación do proxecto, o que xera confusión institucional. Ademais, critican que o Concello leva anos sen conceder ningunha axuda ás asociacións locais, incluída a Comunidade de Montes, que promoveu esta iniciativa.

A pesar de valorar positivamente a creación do miradoiro, os socialistas recalcan que un proxecto illado non pode substituír unha estratexia turística global e sostible. Por iso, reclaman ao goberno municipal que impulse un plan local de promoción turística que involucre á veciñanza e ás entidades do municipio.

Finalmente, o PSOE agradece á Deputación de Lugo o seu apoio económico aos pequenos municipios e ao desenvolvemento rural, que permite levar a cabo iniciativas cando o Concello non as apoia nin impulsa.

⚙ Configurar cookies
0.1839280128479