O PSOE do Páramo elixiu como o seu candidato ás eleccións ao empresario José Manuel Gayoso
José Manuel Gayoso foi elixido como o candidato do Partido Socialista ás eleccións do Concello do Páramo, unha persoa "comprometida co seu pobo", como destacou José Tomé, secretario xeral do PSdeG na provincia de Lugo.
Gayoso é un coñecido empresario da localidade que vai liderar o proxecto socialista, que "coñece a realidade do seu concello, as súas necesidades e o seu potencial para impulsar, dende o consenso e con rigor, medidas que revertan no benestar dos veciños e veciñas e no desenvolvemento económico do Páramo”, explicou Tomé.
O candidato socialista quere facer O Páramo “máis moderno e competitivo” e dotalo de “todos os servizos, como merecemos”, escoitando para elo aos veciños e aos colectivos, tanto veciñais, como de montes, culturais ou deportivos. “Todos xuntos levaremos a cabo as actuacións necesarias”, afirmou o candidato ás eleccións.